Inicio Galicia Conde pon en valor en Lugo o impulso á industria forestal con...

Conde pon en valor en Lugo o impulso á industria forestal con avances na formación, I+D+i e xestión administrativa

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na Asemblea da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, onde se avaliaron os retos de futuro neste eido

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na cidade lucense na Asemblea da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, onde destacou os avances acadados para impulsar este ámbito grazas ao traballo conxunto entre a industria galega e a Administración autonómica. Así, na xuntanza, onde se avaliaron os retos de futuro, sinalou as medidas postas en marcha nos ámbitos administrativo, de formación e innovación que están repercutindo nun incremento da competitividade do tecido forestal. “A formación, a innovación e a internacionalización son os grandes parámetros nos que traballa A Axencia Galega da Industria Forestal”, explicou Conde.

Deste xeito, no marco administrativo, puxo en valor que a industria forestal dispón por primeira vez dun órgano específico na Administración, a Axencia Galega da Industria Forestal, que actúa como interlocutor único para atender e dar resposta ás demandas do tecido empresarial. Conde, neste eido, tamén resaltou que grazas á Lei de implantación empresarial, solicitar hoxe un permiso de corta é máis doado, a través dunha aplicación informática que a Xunta puxo en marcha en abril e que no seu primeiro mes de funcionamento rexistrou 4.753 trámites, o triplo das que se fan en papel. Indicou que o proceso simplifícase porque hai unha xanela única de xestión e un pagamento único na Consellería de Medio Rural. De feito, indicou que o 50% de todas as tramitacións das cortas estanse realizando a través da declaración responsable que permite facelas en tempo real.

O titular de Economía, no ámbito da formación, adiantou que co obxectivo de incrementar a man de obra cualificada presentarase nas próximas semanas o Plan de formación para a industria forestal. Precisou que no seu deseñou está colaborando a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, unha das asociacións maioritarias deste eido, e que como primeira medida incluirá unha convocatoria de axudas á mellora da cualificación dirixida ás asociacións forestais sen ánimo de lucro, que se publicará no mes de xullo. Estes apoios financiarán o 80% do investimento ata 25.000 euros.

Para completar esta aposta pola formación e o emprego, diversos programas do ámbito laboral dan prioridade a este ámbito como as Unidades Formativas en empresas, os obradoiros duais de emprego ou as axudas do Aprol Rural para a contratación de desempregados en concellos do rural para realizar tarefas de silvicultura.

Outro dos avances acadados na xestión forestal vincúlase coa innovación: unha das licitacións do polo aeronáutico de Rozas permitirá deseñar solucións innovadoras baseadas no uso de avións non tripulados e, deste xeito, obter información sobre masa forestal e contribuír aos labores de inspección e control en franxas de seguridade antiincendios ou para o seguimento de pragas.

Por último, Conde destacou que a suma dos avances na xestión administrativa, a innovación e a formación está a contribuír a que as empresas forestais gañen en competitividade. Para apoiar este aspecto, a Xunta activou este ano por primeira vez axudas para a adquisición de nova maquinaria, un programa da Axencia Galega da Industrial Forestal que se está resolvendo na actualidade.

Datos da industriaO incremento da competitividade estase a reflectir nos indicadores económicos referidos a este eido: a industria forestal volve a superar os 2.000 millóns de euros de facturación por primeira vez desde 2008; marca un récord exportador de madeira e manufacturas, rebasando os 800 millóns de euros e duplicando a cifra de exportacións desde o ano 2000 ao gañar mercado na zona euro; e acada un índice de produción industrial entre 9 e 12 puntos por riba do IPI xeral da Comunidade.

En definitiva, e, en palabras de Conde, o forestal ten aínda marxe para crecer co esforzo que Xunta e empresas están a facer en colaboración. Trátase dun ámbito, segundo o conselleiro, que conta cunha sólida base empresarial en Galicia no que hai moitos novos usos da madeira que se poden explorar. Ademais, apuntou que Galicia está comprometido coa economía verde e co aproveitamento responsable dos montes.


- Te recomendamos -