Inicio Galicia Conde indica que a fórmula para atraer novos investimentos no naval é...

Conde indica que a fórmula para atraer novos investimentos no naval é seguir apostando pola innovación, a formación e a diversificación

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Ferrol na terceira edición do congreso Galician Offshore International Hub

Ferrol, 29 de xuño de 2018.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Ferrol na terceira edición do congreso Galician Offshore International Hub onde destacou que Galicia hoxe en día está posicionada como un referente internacional no ámbito da eólica offshore grazas á aposta decidida do sector pola innovación, a formación e a diversificación. En palabras do titular de Economía, este esforzo permitiu que os estaleiros galegos teñan acceso a un horizonte de maiores oportunidades e a un mercado que abarca un maior número de países.

Así, indicou que é a fórmula para seguir atraendo novos investimentos para a Comunidade, lembrando que Navantia consolidouse como principal provedor de multinacionais como Iberdrola no campo da eólica mariña, grazas a proxectos como o parque mariño Wikinger ou o desenvolvemento das 42 jackets (4 xa se entregaron) con destino ao maior parque eólico mariño que a compañía desenvolve en aguas de Reino Unido: o East Anglia One. Trátase da maior iniciativa renovable realizada por unha empresa española que ocupará máis de 300 quilómetros cadrados, o equivalente a 30.000 campos de fútbol, e proporcionará electricidade a medio millón de fogares. Outros contratos relevantes son o da norueguesa Statoil con 5 jackets para o parque Hywind en Escocia ou o que fixo Siemens con 4 jackets para o Nissum Bredning en Dinamarca.

Conde subliñou que a diversificación é o camiño para que os estaleiros da ría de Ferrol poidan seguir acompañando á expansión internacional das empresas deste eido e para que Galicia se consolide como un hub de eólica offshore en Europa, recordando que este proceso de diversificación devolveu a actividade a Navantia Fene.

Puxo en valor, ademais, o labor do sector para camiñar cara a Industria 4.0 e o estaleiro do futuro, por recorrer á tecnoloxía e a I+D+i para dar resposta aos retos cada vez máis complexos que o sector se propón. Neste senso, indicou que a Xunta xa mobilizou preto de 40 millóns de euros para estimular a innovación no sector naval.

Anticiparse a nivel formativoO conselleiro, así mesmo, referiuse á importancia da formación para seguir crecendo neste ámbito, lembrando que a Administración autonómica anticipouse á demanda das empresas para adaptar os perfís profesionais dos traballadores ás necesidades reais. Ao respecto, apuntou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria puxo en marcha o primeiro plan de formación sectorial específico para o naval co que está superando as previsións iniciais con máis de 14 millóns de euros de investimento para cualificar a máis de 5000 profesionais da industria do metal en Galicia.

De todas iniciativas que se están levando a cabo nestes intres fixo referencia ás Unidades Formativas. A primeira convocatoria destas axudas vén de resolverse, o que permitirá que, no caso concreto do naval, se cualifiquen máis de 1000 profesionais grazas a un orzamento de 1,57 millóns de euros. Na comarca de Ferrol serán 235 os beneficiarios da formación que impartirán 8 empresas do naval e metal. Grazas a esta iniciativa acadouse tamén que o Estado homologue a formación en 27 novas profesións das que 11 se corresponden co naval (unha delas referida precisamente á eólica mariña tras unha petición de Windar).

Para rematar, Conde agradeceu o esforzo do sector indicando que Navantia adquiriu en Ferrol unha importante capacidade produtiva en eólica offshore que ata o de agora se traduce na fabricación de case 80 soportes para a instalación de aeroxeradores en alta mar, cun impacto económico de 120 millóns de euros e a creación de 700 postos de traballo con picos de ocupación de ata 1300 persoas.  


- Te recomendamos -