O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde na entrega de premios da campaña ‘Días azuis’, impulsada para dinamizar a actividade do comercio de proximidade
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta tarde o traballo do comercio galego por modernizarse e adaptarse ás novas demandas dos consumidores. Conde participou na entrega de premios da campaña Días azuis do comercio galego, impulsada en colaboración coa Federación Galega de Comercio e Abanca, unha iniciativa que, tal e como apuntou o conselleiro, permite poñer en valor o comercio de proximidade e premiar a confianza dos consumidores.
Na súa intervención, Conde fixo fincapé en que o comercio local é unha fonte de emprego e actividade económica nas vilas e cidades galegas, que axuda a crear e compartir barrio ao tempo que impulsa a recuperación das rúas como espazos públicos para o encontro, contribuíndo así mesmo á transformación das cidades desde o punto de vista da mobilidade.
Sinalou o conselleiro que Días azuis pon de manifesto un dos principais retos que afronta o sector: a fidelización de clientes. Neste sentido, apuntou que os comerciantes deben apostar por reivindicar as vantaxes da proximidade, entre as que destacou o trato persoal do consumidor, o atractivo da tenda física para comprobar persoalmente a calidade do produto ou a propia ubicación, como parte do ocio das persoas. Indicou tamén que o comercio de proximidade debe apostar polas novas tecnoloxías, sinalando que o comercio electrónico fai un negocio máis accesible ao consumidor e achégao a un público máis amplo.
Francisco Conde resaltou que, para lograr estas metas, os comerciantes galegos contan co compromiso da Xunta que, a través do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, destina 70 millóns de euros ata 2020 a aumentar a competitividade do sector.
Incremento na participaciónOrganizada pola Federación Galega de Comercio, Abanca e a Xunta, a campaña Días azuis do comercio galego celebrou a súa segunda edición entre o 7 e o 21 de maio co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.
Os clientes dos comercios que realizaron compras entre estas dúas datas debían rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com para participar na iniciativa. Entre todos os participantes sorteáronse un total de 16.200 euros en 80 tarxetas prepago: 28 de 300 euros (sete tarxetas por provincia) e 52 de 150 euros (13 tarxetas por provincia), que deberán ser utilizadas polos gañadores nos establecementos galegos de proximidade. A participación nesta edición viuse incrementada nun 30% con respecto ao ano anterior, rexistrándose un total de 94.459 tíckets de compras realizadas en máis de 100 localidades.
- Te recomendamos -