Inicio Galicia Conde destaca en Vigo que a formación impulsa as novas oportunidades de...

Conde destaca en Vigo que a formación impulsa as novas oportunidades de emprego que supón a Industria 4.0

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala que o novo simulador de operacións portuarias presentado hoxe pon a tecnoloxía ao servizo desta actividade para facela máis eficiente

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na presentación do simulador de operacións portuarias no que colaboran a Autoridade Portuaria de Vigo, o Grupo Davila e a súa filial Transglobal, que esta ferramenta forma parte da Industria 4.0, poñendo a tecnoloxía ao servizo da actividade portuaria para facela máis eficiente sen deixar de lado a formación, que permite impulsar as novas oportunidades que supón esta industria en termos de emprego.

O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, e do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, apuntou así mesmo que o simulador constata que xa todos os sectores da nosa industria están inmersos nesta transformación dixital, e constata, ademais, que a colaboración entre tecido empresarial e administracións é a mellor fórmula para dar resposta aos principais obxectivos que trae consigo.

Neste ámbito, o conselleiro sinalou que a Xunta está a buscar unha alianza coas empresas para que sexan elas as que definan as súas propias necesidades en materia de formación, para que axuden a identificar cales son os novos perfís profesionais que demanda o mercado e para que así se lle poida ofrecer unha oferta de cursos de formación á súa medida.

Así, Conde fixo fincapé en que o Goberno galego está a ser pioneiro na implantación dun modelo formativo flexible e adaptado ás necesidades do tecido produtivo, poñendo o foco en sectores estratéxicos da Industria 4.0, contando coa implicación directa das empresas. Así, tense logrado que o Estado homologue 27 novas especialidades que a partir de agora poderán ser impartidas a través das Unidades Formativas en Empresas, e que, polo tanto, será unha cualificación profesional con validez en toda España.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que precisamente hoxe arranca coa súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), a segunda convocatoria destas Unidades Formativas, unha formación financiada ao 100% na que a Xunta inviste 4 millóns de euros e que permitirá formar 2400 traballadores en activo ou desempregados. Tal e como sinalou Conde, o carácter bianual da convocatoria permite unha maior calidade nos cursos formativos porque se poderán prolongar ata o vindeiro ano.

A iniciativa súmase á primeira edición destes programas que se acaban de resolver, polo que, en global, o Goberno galego apoiará este ano a través das dúas convocatorias -cun orzamento de 9,5 millóns de euros- a formación de máis de 5000 persoas.

Segundo apuntou o conselleiro, 7 de cada 10 unidades formativas están relacionadas co naval, a automoción ou sector TIC, sectores estratéxicos que están a demandar man de obra cualificada porque son onde maior impacto están a ter as novas ferramentas da Industria 4.0. Por iso, Francisco Conde recordou que, ademais das Unidades Formativas en Empresas, tamén se financia a través do Igape cursos de formación en tecnoloxías dixitais como a robótica ou a automatización de procesos.

Tecnoloxía innovadoraO simulador que se presentou hoxe permitirá executar todas as operacións que se realizan desde o centro de control do Porto de Vigo, e emular os movementos reais dos distintos tipos de grúas e maquinaria empregada na terminal. Tal e como se destacou na presentación, pode chegar a recrear ruídos, movementos, contratempos e ata os diferentes escenarios meteorolóxicos a través da tecnoloxía inmersiva (realidade virtual e aumentada). Grazas a este simulador, o vindeiro luns porase en marcha o Programa de Capacitación de Operacións Portuarias, unha iniciativa formativa para que os profesionais do sector aprendan a manexar maquinaria dotada coa última tecnoloxía.

A ferramenta tamén vai ser usada no proxecto europeo Puerto 4.0, no cal o Porto de Vigo vai ser o porto piloto onde estudar como se pode facer unha xestión máis eficiente da actividade que ten lugar nas terminais portuarias.


- Te recomendamos -