Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria e do Mar, Francisco Conde e Rosa Quintana, respectivamente, participaron esta tarde en Santiago no II Premio Cegasal en Economía Social e Emprego de Persoas con Discapacidade
Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria e do Mar, Francisco Conde e Rosa Quintana, respectivamente, participaron hoxe en Santiago de Compostela na segunda edición dos Premios Cegasal en Economía Social e Emprego de Persoas con Discapacidade cos que este ano se recoñeceu o labor que a favor da inclusión no ámbito laboral realizaron os xornalistas Sabela Corbelle (El Progreso), Jéssica Pintor e Rubén Milego (TVG), a empresa Froiz, o Concello de Rianxo e a Dirección Xeral de Xuventude.
Conde indicou que os galardoados son un exemplo dos tres eixos fundamentais nos que debe xirar o camiño cara o emprego inclusivo: a divulgación e a concienciación social, o compromiso do tecido económico e a responsabilidade do sector público.
No ámbito da divulgación, destacou a importancia do traballo dos medios de comunicación que visibilizan experiencias e poñen rostro aos números e estatísticas: a mellor maneira, en palabras do conselleiro, de normalizar o emprego das persoas con discapacidade e darlle o valor que este merece polo que supón para a autonomía persoal.
O conselleiro apuntou, así mesmo, que o tecido económico ten que comprometerse co emprego inclusivo non só como parte da súa responsabilidade empresarial, senón tamén como unha verdadeira aposta pola competitividade. Neste senso, puxo como exemplo a Rede Cegasal Inclúe que hoxe se presentou e que está formada por unha decena de empresas para promover e identificar o intercambio de boas prácticas empresariais favorecendo, así, unha cultura inclusiva.
O conselleiro tamén apelou á necesidade de que as administracións públicas continúen fomentando o emprego inclusivo e promovendo a integración das persoas con discapacidade. “Somos as primeiras que debemos dar exemplo”, engadiu. A este respecto, a Xunta apoia o labor dos centros especiais de emprego e das empresas de inserción laboral. Proximamente aprobarase a convocatoria de axudas deste ano dirixida aos centros especiais de emprego que sairá publicada por 12,5 millóns de euros.
Para rematar, Conde afirmou que o impulso da recuperación económico debe servir para tecer un mercado laboral no que todas as persoas teñan cabida e poidan desenvolverse e medrar profesionalmente. Neste sentido, indicou que asociacións como Cegasal xogan un papel clave na representación, promoción e defensa das entidades que promoven o emprego inclusivo.
- Te recomendamos -