Inicio Galicia Conclúen as obras de reforzo do firme executadas pola Consellería de Infraestruturas...

Conclúen as obras de reforzo do firme executadas pola Consellería de Infraestruturas na PO-551 ao seu paso por Moaña

0

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o xefe territorial José Luis Díez, achegáronse hoxe ata o municipio pontevedrés para supervisar o estado dos traballos


A Consellería de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de concluír as obras de reparación e reforzo do firme na PO-551 ao seu paso polo termo municipal de Moaña cun investimento de preto de 97.000 euros.

A Administración autonómica cumpre así co compromiso adquirido de reparar esta vía, unha das estradas que soportou o desvío do tráfico derivado do corte do Corredor do Morrazo durante as obras de desdobramento para a súa conversión en autovía, tal e como recordou hoxe o delegado da Xunta. Ignacio López-Chaves desprazouse hoxe ata o concello pontevedrés para supervisar xunto ao xefe territorial da Consellería de Infraestruturas, José Luis Díez, o estado dos traballos.

Cómpre lembrar que a Autovía do Morrazo, en servizo desde o pasado mes de maio, é o maior investimento que ten en marcha a Xunta nunha infraestrutura viaria con, practicamente, 56 millóns. Os dous treitos abertos, entre Rande e Meira, 7 quilómetros que supoñen máis do 65% do trazado e nos que se rexistran as maiores densidades de tráfico, con case 20.000 coches en época estival; e antes do verán de 2019 sumarán 4 quilómetros máis, ata o enlace de Cangas, rematando para sempre cos atascos e completando a totalidade do eixe de comunicación que os veciños do Morrazo precisan e agardan.

A actuación define traballos localizados co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e comodidade dos usuarios, polo que se procedeu á reparación dos blandóns e zonas fisuradas e deformadas mediante o fresado e a extensión de capas de reposición do firme. Segundo indicou López-Chaves, os técnicos están esperando a unha melloría das condicións meteorolóxicas para proceder á reposición das marcas viarias correspondentes e o repintado de todos os símbolos e cebreados.

O proxecto de reparación e reforzo do firme da PO-551, no que se enmarca a devandita actuación, abarca varios concellos pontevedreses. Neste caso desde o p.q. 0+000 de Marín, pasando por Cangas e Bueu ata o p.q. 33+620 da localidade moañesa, acadando un investimento no conxunto dos tramos de 340.913 euros. Plan de reforzos de firmesEn paralelo, a Xunta continúa co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que nos Orzamentos para 2018 incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 millóns de euros.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.


- Te recomendamos -