Inicio Galicia 'Cidade Imaxinaria Verán' converte o Gaiás nun mundo de fantasía con dragóns...

'Cidade Imaxinaria Verán' converte o Gaiás nun mundo de fantasía con dragóns xigantes e espectáculos acrobáticos

0

A Cidade da Cultura ateigouse de familias para gozar dunha tarde de diversión ao aire libre e gratuíta con xogos, obradoiros e acrobacias en cada recuncho

Cidade Imaxinaria Verán 2018 converteu o complexo arquitectónico do Gaias nun mundo de fantasía con dragóns xigantes corricando e xogando coa cativada por todos os recunchos, e números acrobáticos que cativaron os milleiros de familias que asistiron esta tarde á Cidade da Cultura de Galicia para gozar de espectáculos, obradoiros e xogos, de balde e ao aire libre.

O tradicional festival lúdico e familiar que desde hai oito anos chega todos os agostos ao Gaiás –e que en 2018 por primeira vez ampliou a súa programación cunha edición de primavera que reuniu a 8.000 persoas– volveu ateigar de familias a Praza Central da Cidade da Cultura, onde se despregaron a meirande parte da actividades.

Cidade Imaxinaria Verán programou catro horas ininterrompidas –de 16 a 20 horas– de espectáculo. Nesta edición potenciáronse as actividades en movemento polos exteriores do complexo. Estas incluíron propostas como dragóns –ou “dragosaurios”– de cinco metros de altura que corricaron polo Gaiás sorprendendo a pequenos e maiores, así como números acrobáticos no cumio de rodas xigantes.

Equilibristas, trapecistas, saltimbanquis e clowns conquistaron todos os recunchos da Praza Central da Cidade da Cultura cun mesmo obxectivo: facer a cativada viaxar por mundos máxicos. Espectáculos e propostas de lecer innovadoras compartiron espazo con xogos tradicionais, como simples trebellos de corda e madeira. Actividades como globoflexia e obradoiros de maquillaxe de fantasía complementaron tamén a programación.

Escola de circo e espazo para bebésNon faltou a demandada e exitosa escola de circo, que permitiu descubrir o grande acróbata, malabarista ou equilibrista que todo neno e nena leva dentro. Ademais, e como novidade desta edición, incluíuse por primeira vez programación para os máis pequenos, xa que se contou cun espazo para bebés –de 0 a 3 anos– con xogos de estimulación.

Cidade Imaxinaria Verán dispuxo ademais de zonas para repor enerxías, con postos de comida. Ademais das habituais liñas 9 e 11 que conectan o Gaiás co centro de Compostela, tamén se reforzou o servizo de autobuses co fin de facilitar o desprazamento das familias. 


- Te recomendamos -