Con esta iniciativa, financiada a través dun convenio coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia, o Centro Tecnolóxico do Mar dará continuidade ás actividades emprendidas no 2016 no país centroamericano no ámbito da pesca artesanal
O Centro Tecnolóxico do Mar asesorará a mozos e mozas de comunidades pesqueiras e costeiras do Salvador no marco do proxecto EMPREGA-SV, que pretende facilitar a inserción laboral no ámbito marítimo-pesqueiro dun sector da poboación en situación de pobreza e exclusión.
As actividades programadas neste novo proxecto serán financiadas pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia en virtude dun convenio subscrito coa Fundación CETMAR, acordo que persegue reducir o desemprego xuvenil a través da xeración de ingresos por parte dos mozos salvadoreños, contribuíndo a redución dos índices de violencia e da emigración.
Os destinatarios destas novas accións serán os alumnos dun curso de modelismo e modelado manual de embarcacións para a pesca artesanal que CETMAR que se está a impartir no marco do proxecto PESCA SEGURA-El Salvador, neste caso con financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) e co apoio tamén de Cooperación Galega.
O proxecto EMPREGA-SV contempla así todas as actividades encamiñadas ao deseño dos contidos dos módulos de habilidades brandas e formación para o emprego; a análise dos nichos de mercado para os modelistas modeladores e a proposta de plans de negocio específicos deste sector e, finalmente, o acompañamento laboral e a titorización do alumnado.
Cada participante disporá do seu portafolios individualizado coa documentación e as recomendacións necesarias para optar a un posto de traballo ou para deseñar o seu propio plan de negocio unha vez rematado todo o proceso, no que a Fundación CETMAR contará coa colaboración e apoio da Fundación para la Democracia, Seguridad y Paz (FUNDEMOSPAZ), do Instituto Salvadoreño de Formación Profesional (INSAFORP), da Comisión Nacional de la Micro y Pequeña Empresa (CONAMYPE) e do Banco de Desarrollo de El Salvador (BANDESAL).
Misión no SalvadorNo marco desta iniciativa, dous expertos de CETMAR viaxarán cara a O Salvador o vindeiro día 26 coa finalidade de participar como formadores no curso citado. Previamente a esta acción formativa, realizouse un anteproxecto de embarcación de pesca adaptada ás condicións do entorno. Estes planos son a base para a construción do modelo e o molde, proceso no que participarán o alumnado do curso que se está a impartir no Salvador e que terá unha duración de catro meses.
- Te recomendamos -