Inicio Galicia Catro espectáculos e un pitching de 10 proxectos pechan en Santiago a...

Catro espectáculos e un pitching de 10 proxectos pechan en Santiago a sexta edición de Galicia Escena PRO

0

A compañía madrileña La Tartana e as galegas Elahood, Eme2 Producións e Ibuprofeno Teatro pecharán catro días de programación para público xeral e profesional durante os que se terán ofrecido 19 producións de teatro e danza


O mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO, organizado pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, remata mañá a súa sexta edición cos catro últimos espectáculos en cartel e a exposición, en primicia para os máis de 200 profesionais acreditas, dos novos proxectos nos que están a traballar 10 compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.

Esta cuarta e última xornada de actividade arrancará ás 11,00 h. na Sala Germán Coppini da Fundación SGAE, un dos catro escenarios de Santiago de Compostela nos que se está a celebrar o encontro desde o pasado luns. Será coa montaxe de monicreques Soñando a Pinocho, da compañía madrileña La Tartana, que –ao igual que o fará esta tarde La Estampida– preséntase aquí grazas ao intercambio entre Galicia Escena PRO e MADferia.

Tamén na Fundación SGAE a partir das 12,15 h., levarase a cabo a sesión de ‘pitching’ coa que, por cuarto ano consecutivo, se busca impulsar a difusión de novos traballos escénicos xa desde os momentos iniciais da súa produción. Como en anos anteriores, 10 compañías avanzaranlles en primicia aos programadores acreditados os seus novos proxectos: In Between, de Compañía Mikel Arístegui; Alma (non é hippie), de Colectivo Verticalia; Anatomía dunha serea, de Chévere; Arnoia, Arnoia: o circo da casa pequena, de Compañía Pistacatro; Auga que non vas beber, de Fantoches Baj; Cinco mulleres que comen tortilla, de Señora Supina; Insubmisión, de Teatro del Andamio; Involución, de Alfredo Muíño; Liberto, de Marelas, e Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro.

Presentacións profesionaisA xornada da tarde iniciarase ás 16,30 h. na biblioteca do Salón Teatro coa presentación de Residencias del Paraíso, programa de impulso da creación no ámbito das artes do movemento promovido polo Colectivo RPM co apoio económico da Agadic e a colaboración de diferentes espazos escénicos de toda Galicia.

O programa de exhibición continuará ás 17,30 h. co espectáculo de danza urbana La soledad de Wally, da compañía emerxente Elahood, no Auditorio Abanca. Ás 19,30 h. chegará a quenda de Eme2 Producións con A Leituga no Teatro Principal, mentres que Ibuprofeno Teatro será o grupo encargado de pechar esta sexta edición con Casa O’Rei, que subirá ás táboas do Salón Teatro ás 22,00 h..

Concluirán así catro intensos días de actividade, durante os que se puideron ver en Santiago as últimas propostas de teatro e danza de 19 compañías (17 galegas e dúas de Madrid) e que congregaron máis de 200 axentes culturais, entre representantes de espazos escénicos, mostras, festivais, circuítos, compañías e distribuidoras.

Como en anos anteriores, as representacións son de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente desde unha hora antes do comezo do espectáculo.


- Te recomendamos -