Inicio Galicia Carmen Pomar sinala o STEMbach como unha oportunidade que facilita ao alumnado...

Carmen Pomar sinala o STEMbach como unha oportunidade que facilita ao alumnado o acceso aos estudos superiores

0

Un total de 200 estudantes de 15 centros de toda Galicia cúrsano este ano

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela na inauguración dunha xornada formativa dirixida a alumnado, profesorado e persoal investigador universitario colaborador no desenvolvemento do impulso do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach). Esta modalidade impártese por primeira vez neste curso como iniciativa pioneira ao abeiro da Estratexia Galega para a Educación Dixital (EDUdixital) 2020.

A titular do departamento de Educación da Xunta de Galicia sinalou este Bacharelato como “unha oportunidade, tamén, para chegar ao mundo universitario cun coñecemento previo de primeira man que vos facilite a incorporación e adaptación ás ensinanzas superiores”. Neste sentido lembrou que o STEMbach completa a formación do alumnado en aspectos máis amplos, como o desenvolvemento dunha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica, clave para avanzar nunha sociedade máis xusta, participativa e libre; o fomento da creatividade, a mellora das destrezas comunicativas e a mellora da capacidade expresiva, oral e escrita.

Durante a súa intervención Carmen Pomar quixo agradecer ao profesorado e colaboradores universitarios a súa implicación neste novo proxecto, así como felicitar os estudantes “por subirvos a esta nave como pioneiras e pioneiros do STEMBach”.

Tras a apertura, a xornada seguiu co relatorio de Deborah García Bello (química e divulgadora coruñesa, autora do blogue Dimetilsulfuro) sobre a importancia de facer ciencia como sociedade. A continuación o grupo dividirase en dúas partes e, mentres o profesorado e investigadores presentan cadanseu proxecto, ao alumnado asistirá a unha charla de Rocío Pérez Montes, redactora de Maldita Ciencia, a división científica de Maldito Bulo, web de referencia en España en contraste de fake news e único grupo español membro do comité europeo de expertos de loita contra a desinformación e as novas falsas. O obxectivo desta sesión é concienciar os rapaces da importancia de filtrar a información, recorrer sempre ás fontes e de ser cidadáns activos neste sentido.

A xornada rematará cun relatorio de Marta Macho Stadler, matemática e autora do blogue Mujeres con Ciencia, que afondará na importancia do empoderamento das mulleres no eido das ciencias.

Un total de 200 alumnos de quince centrosNeste primeiro ano de aplicación, 200 alumnos e alumnas de 15 centros educativos cursan o STEMBach en Galicia. O vindeiro curso todos eles deberán desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo similar ao traballo de fin de grao, codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou a unha entidade de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O traballo deberá ser defendido ante un tribunal, do que tamén formará parte unha persoa da entidade de investigación ou departamento universitario colaborador no proxecto, diferente de quen codirixiu.

Ademais, este alumnado está a cursar unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. O Bacharelato complétase con actividades de formación, como conferencias, obradoiros ou proxectos, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia. Ao final da etapa, tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

O obxectivo deste Bacharelato é promover a vocación cara á investigación científica e tecnolóxica, cunha metodoloxía que facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica, así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.

Xornada de RobóticaA maiores do encontro de hoxe, a Consellería celebrará mañá tamén no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela unha xornada dirixida a profesorado de centros que participen no programa de Introdución da Robótica en Primaria, no de Clubes de Ciencia ou no de Espazos Maker. A sesión contará tamén coa participación de Marta Macho, así como cunha mesa redonda sobre Diversidade e STEM, na que afondará no emprego dos devanditos programas e da robótica en xeral para potenciar o talento en todo o alumnado, teña altas capacidades ou outras necesidade específicas de atención educativa.

Para iso contarase cun exemplo de boas prácticas como o do Centro de Educación Especial O Pino (Ourense), que gañou este ano un premio de proxecto de formación do profesorado en centros (PFPP) polo seu emprego da robótica na educación especial; ou con persoas que funcionaron como monitores da SemanaSTEM, que acolle a alumnado tanto con necesidades especiais como con altas capacidades, entre outros.


- Te recomendamos -