Inicio Galicia Carmen Pomar aposta pola formación en valores dos docentes a prol da...

Carmen Pomar aposta pola formación en valores dos docentes a prol da calidade do sistema educativo

0

A Consellería ultima a formación para a acreditación da función directiva, que será obrigatoria a partir do próximo curso


Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2018.- A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na Xornada de Coordinación da Rede de Formación Permanente do Profesorado, onde salientou que para avanzar nunha educación de excelencia, ademais dos coñecementos e habilidades, hai que traballar nas emocións e nos valores.“O verdadeiro valor diferencial co que temos que contar é o talento”, subliñou a conselleira ante os membros da Rede, conformada polos especialistas en formación do profesorado dos servizos centrais da Consellería, os do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e os dos Centros de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, que hoxe participan no encontro celebrado na Escola Galega de Administración Pública.

Carmen Pomar agradeceu o desempeño profesional e o compromiso dos asesores docentes por formarse co fin de adaptarse ás novas demandas dunha sociedade tecnolóxica e globalizada. “Todo o que se faga por mellorar a formación dos docentes repercute de xeito directo no alumnado e, en consecuencia, convértese nun beneficio para o conxunto da sociedade”, explicou a titular de Educación.

Novidades formativasAsí mesmo explicou que unha das novidades formativas para este ano é a posta en marcha, de xeito inminente, da formación necesaria para obter a acreditación para a función directiva, que será obrigatoria a partir do próximo curso 2019/20 para quen opten a asumir a dirección dun centro.

O obxectivo da xornada é poñer en común os pormenores dos programas educativos desenvolvidos desde a Xunta de Galicia (as estratexias Edulingüe e Edudixital, os Contratos-programa, as Escolas de Nais e Pais…) e da formación específica dos docentes que vai asociada aos mesmos.

Ademais, abordarase o novo plan específico en Formación en Igualdade (ata o de agora concibido como un módulo), que supón a oferta de máis de 3.000 prazas en accións formativas que suman máis de 1.000 horas. Este plan, xa en marcha, alíñase coas novas materias de libre configuración autonómica que se ofertan para o vindeiro curso como Coeducación para o século XXI e Sociedade Inclusiva, así como o reforzo das Escolas de Nais e Pais (Enapas).

Así mesmo ao longo do día debaterase sobre as formas para mellorar a formación dos docentes e, en xeral, os servizos prestados. Non en balde a Rede de Formación Permanente do Profesorado conta coa certificación de calidade en base á Norma UNE-EN ISO 9001:2008, o que supón que a eficacia do sistema de xestión da formación dos docentes da Consellería de Educación está recoñecida por un organismo externo con criterios de valoración obxectivos como é AENOR.

Plan anual de formación do profesoradoA Rede de Formación Permanente do Profesorado é a responsable de implantar as accións que conforman o Plan Anual de Formación do Profesorado. No curso 2017/18 realizáronse ao abeiro do mesmo un total de 3.100 actividades formativas (un 11% máis que no anterior curso) e alcanzáronse os 21.000 profesores formados, con 75.800 horas de formación (un 17% máis).

Ao igual ca nos anos anteriores, en torno ao 60% desta formación levouse a cabo nos propios centros escolares e, por temática, a liña máis demandada é a formación en Igualdade, convivencia e inclusión (multiplicouse por catro o número de docentes formados, acadando os11.500), seguida da formación en Educación dixital, TIC, Stem e E-Dixgal (coa participación de case 6.400 docentes), a Formación Profesional e a Formación en Idiomas. 


- Te recomendamos -