O delegado territorial da Xunta en Lugo explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 280.000 euros neste proxecto
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou na entrega de diplomas do obradoiro de emprego O Castro, xunto cos alcaldes dos concellos promotores: os de Castroverde, José María Arias; Pol, Lino Rodríguez; Riotorto, Clemente Iglesias; A Pastoriza, Primitivo Iglesias; e Ribeira de Piquín, Roberto Fernández.
O delegado territorial lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 280.000 euros neste proxecto, que remata hoxe logo de nove meses de aprendizaxe durante os cales ofreceu formación teórica e práctica e experiencia laboral a 19 persoas sen emprego, que recibirán un certificado de profesionalidade que os acredita para exercer en calquera punto do Estado.
Cada un dos concellos participantes partiu con catro alumnos traballadores (en Riotorto un deuse de baixa) que se formaron na especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Realizaron labores silvícolas e de repoboación en espazos naturais, con especial atención ás rutas de sendeirismo, camiños forestais ou áreas recreativas.
Entre outros traballos, no concello de Castroverde actuaron na parcela As Arroxas e na área recreativa Veiga do Olmo. Na Pastoriza realizaron traballos silvícolas na parroquia de Bretoña. En Pol, nas carballeiras de Mosteiro e Rioxoán. En Riotorto, na ruta de sendeirismo da Veiga – Ferreiravella, e na Ribeira de Piquín na ruta de sendeirismo Eo-Millares e no miradoiro de San Xurxo.
Balseiro destacou a dobre virtude deste tipo de iniciativas, que son “un instrumento para mellorar a capacitación dos traballadores desempregados e tamén unha axuda para as facendas locais porque realizan obras e servizos de interese para o municipio”.
En marcha unha nova convocatoriaBalseiro explicou que xa está en marcha unha nova convocatoria de obradoiros, coa previsión de que os novos proxectos se poñan en marcha no mes de setembro. En concreto, a Consellería convocou as axudas para obradoiros duais de emprego e os específicos para menores de 30 anos.
Poden ser promotores dos obradoiros as administracións locais (con prioridade os Concellos Emprendedores), asociacións de entidades locais e mancomunidades e, no caso dos duais, tamén, como novidade este ano, as entidades sen ánimo de lucro do ámbito forestal constituídas e rexistradas como asociacións.
Os obradoiros duais combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.
Outras novidades da última convocatoria consisten en que terán prioridade os obradoiros forestais e os vinculados ao Camiño de Santiago e que os obradoiros de emprego dirixidos especificamente á mocidade ampliarán a duración de seis a nove meses.
- Te recomendamos -