Inicio Galicia Avanzan a bo ritmo as obras na contorna do Castro de Chandebrito...

Avanzan a bo ritmo as obras na contorna do Castro de Chandebrito no Concello pontevedrés de Nigrán

0

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse á zona para supervisar a execución dos traballos que arrancaron na primeira semana de xuño


O delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, puido comprobar de primeira man o bo ritmo dos traballos que se están a executar na contorna do Castro de Chandebrito no Concello pontevedrés de Nigrán. Unha actuación á que a Consellería de Medio Rural destina 64.432,46 euros e que responde á proposta técnica encargada á Universidade de Vigo.

O representante autonómico achegouse á zona de intervención para supervisar a actuación que contempla a instalación de 100 metros lineais de barreiras dinámicas, separadas en dous tramos e cunha capacidade de absorción de enerxía de 500 quiloxulios. Ditas barreiras metálicas teñen unha altura máxima de tres metros, con postes cada 10 metros. Os traballos arrancaron na primeira semana de xuño, toda vez que se obtiveron as autorizacións necesarias para a intervención, correspondentes ás posibles afeccións a elementos patrimoniais no perímetro.

De cara a analizar o risco de caída de elementos pétreos, a instancias da Consellería do Medio Rural, e a través da empresa pública Seaga, encargouse á Universidade de Vigo que emitira un informe de riscos por desprendemento na zona obxecto de intervención.

O informe elaborado pola ETSE de Minas e Enerxía descartou a existencia dun perigo inminente. Tras varias visitas técnicas á zona, e unha vez recompilados os datos básicos de topografía, xeoloxía, xeotécnica, sísmica e meteoroloxía, non se atopou ningún indicador que alertase da existencia de zonas inestables. Con todo, o devandito estudo propón unha serie de actuacións que son as que se están a levar a cabo.


- Te recomendamos -