Inicio Galicia Augas de Galicia prevé licitar este outono as obras que permitirán completar...

Augas de Galicia prevé licitar este outono as obras que permitirán completar as principais infraestruturas da rede de saneamento que comparten Cabanas e Pontedeume

0

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e os alcalde de Cabanas e Pontedeume asinaron esta mañá o convenio de colaboración polo que se executará un tanque de retención con impulsión (fase II) e uns colectores xerais de saneamento (fase III)


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio prevé licitar este mesmo outono as obras que completarán a mellora das infraestruturas máis importantes do servizo de saneamento que comparten ambos concellos coruñeses.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e os alcalde de Cabanas e Pontedeume, Germán Castrillón e Bernardo Fernández -respectivamente, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre ambas administracións. Cómpre recordar que o primeiro Consello da Xunta do mes de setembro autorizou a sinatura deste convenio, polo que “en menos de dúas semanas estamos a dar o paso definitivo e imprescindible para a licitación das obras”, trasladou a conselleira a ambos rexedores.

A conselleira engadiu que o esforzo de Augas de Galicia e da Consellería non só se reflicte na dilixencia da tramitación senón tamén nos orzamentos que se consignan para esta actuación, xa que o convenio recolle un importe de 4,5 millóns de euros, que sumados aos destinados para a proxección das obras da Fase I suman un importe global de 8,8 millóns de euros.

Tal e como se indica no convenio de colaboración, as actuacións da Fase II (cun orzamento de 2,89 millóns de euros) consisten na execución dun tanque de tormentas en Cabanas con saída de bombeo cara a EDAR de Centroña, que comparten Cabanas e Pontedeume. Tamén se instalará un tanque soterrado cunha profundidade de 20 metros, que se completará cun bombeo de 3 bombas e unha capacidade de máis de 50 Litros /segundo (l/s) e dende este unha impulsión de 450 metros de lonxitude para acadar a EDAR de Centroña.

En relación coa Fase III, que terá un custe de 1,4 millóns de euros, proxéctase un novo colector interceptor para Cabanas dun quilómetro de lonxitude dende o Paseo da Madalena ata o novo tanque de tormentas, previsto na fase anterior. O novo colector substituirá o existente que actualmente rexistra infiltracións de auga de mar. Tamén se prevé nesta fase a execución de dous pequenos ramais de colectores secundarios que conectaran co novo colector interceptor.

Grazas á execución destas actuacións, que están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), recupéranse zonas degradadas pola contaminación na costa, mellorase a calidade de vida da poboación asentada na contorna da ría e aumenta a competitividade económica e o fomento do turismo.

Adxudicación das obras da Fase IAugas de Galicia levou a cabo un informe sobre a capacidade da depuradora de Centroña que da servizo aos concellos de Cabanas e Pontedeume, e no que se concluía a necesidade de minimizar os aportes de augas salinas procedentes das infiltracións en colectores.

A raíz deste informe, Augas de Galicia desenvolveu un proxecto sobre as melloras necesarias para solucionar as achegas no esteiro do Eume, dirixidas a solucionar dous obxectivos: a minimización das infiltracións na rede de saneamento, reducindo as achegas de augas brancas e salinas á EDAR; e a eliminación dos vertidos existentes na fachada marítima de Pontedeume.

Así, para acadar ditos obxectivos estruturáronse tres fases, a segunda e terceira que se recollen no convenio autorizado hoxe; mentres que a primeira -licitada este mesmo ano por un importe de 4,2 millóns de euros- atópase na actualidade en fase de adxudicación. O proxecto desta primeira fase inclúe a renovación do saneamento de Pontedeume e de parte do abastecemento que se ve afectado por estas obras de saneamento, e que é moi obsoleto e sufre perdas; un tanque de retención e un bombeo, actuacións coas que se eliminarían puntos de vertido actuais á ría na fachada marítima de Pontedeume.


- Te recomendamos -