Inicio Galicia ?Asaltos!? converte esta fin de semana o Gaiás nun ring cultural con...

?Asaltos!? converte esta fin de semana o Gaiás nun ring cultural con Ledicia Costas e Francisco Castro, entre os púxiles

0

Nunha orixinal posta en escena imitando un cuadrilátero, o director de Galaxia combateu creativamente esta tarde con Ramón Nicolas, Óscar López de ‘Página 2’ e Alejandra de Diego, da libraría ‘Berberiana’

A Cidade da Cultura de Galicia convértese esta fin de semana nun ring de combate dialéctico e creativo a través de Asaltos!, ciclo cultural nun formato orixinal e rompedor, no que se convida a personalidades de dentro e fóra de Galicia vencelladas co ámbito da literatura, da divulgación cultural, da tradución e da música a converterse en púxiles da palabra. O obxectivo é amosarlles ás e aos asistentes a singularidade e variedade dos procesos creativos, dun xeito diferente e fresco, no que o público tamén vai ser participante activo.

Coordinado pola investigadora e regueifeira Alba María Rodríguez, o ciclo Asaltos! arrancou esta tarde tendo como púxiles creativos —nunha orixinal escenografía de cuadrilátero— ao escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro; o crítico literario e creador do blog ‘Caderno da crítica, Ramón Nicolás; unha das propietarias da libraría coruñesa Berbeirana, Alejandra de Diego Lata; e Óscar López, xornalista cultural e presentador de ‘Página 2’, o único programa sobre literatura da televisión pública española.

Estas figuras da divulgación cultural e literaria mediron as súas forzas verbais, enxeñosas e creativas neste ring, co que se pretendeu achegar unha visión desde dentro do sector editorial e tamén desde fóra (televisión, internet…) dos retos que a lectura ofrece nunha era no que o sector do libro compite nun escenario complexo e tecnolóxico.

Precisamente, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, que foi encargado de darlle a benvida esta tarde aos participantes no primeiro ring deste novo ciclo, quixo por en valor o formato orixinal e rompedor de Asaltos! para conectar os procesos culturais con novos públicos. Deste xeito, indicou que este programa encaixa coa estratexia da Consellería de Cultura por ensanchar a base de públicos que se interesan pola palabra, sexa escrita, lida, cantada ou falada, e para iso gabou fórmulas creativas como Asaltos!, “ciclo empapado de referencias estéticas e linguaxes dirixidas a atraer o interese da mocidade”.

Catro rings e 5 púxilesO ciclo Asaltos! repetirase mañá sábado e a vindeira fin de semana, 16 e 17 de novembro, conformando un total de catro sesións ou rings dialécticos ao redor da divulgación, a tradución, a oralidade e a poesía. Con entrada de balde, previa inscrición na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia —www.cidadedacultura.gal—, os e as asistentes descobren in situ outras facianas creativas de figuras da cultura.

Así, mañá sábado, o cuadrilátero erixido no auditorio Xosé Neira Vilas, da Biblioteca e Arquivo de Galicia, será escenario dun auténtico duelo de autora versus tradutora entre Ledicia Costas, escritora e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e Sara Margherita Cavarero, prestixiosa e premiada tradutora que trasladou ao italiano a obra de Ledicia Costas Jule Verne e a vida secreta das mulleres planta.

Moderará este combate creativo e dialéctico María Alonso Seisdedos, tradutora ao galego de series míticas como ‘Shin Chan’ e Premio Nacional de Tradución pola co-tradución de UIises, de Joyce.

Asaltos! á oralidade e á poesíaTras esta fin de semana, os vindeiros Asaltos! repetiranse o venres día 16 e o sábado 17. No primeiro, centrado na oralidade, contarase enriba do ring coa cantautora galega Ses, que se enfrontará neste combate creativo co escritor e repentista Alexis Díaz Pimienta, que ademais é director da cátedra de poesía improvisada da Universidad de las Artes de Cuba, e coa regueifeira e investigadora Alba María. O moderador será Xurxo Souto, cantante de d’Os diplomáticos de Monte Alto e tamén músico, filólogo e dinamizador cultural.

O Asaltos! vencellado coa poesía porá o peche ao ciclo e contará como alfinete de ouro cos poetas Antón Blanco e Elías Portela. O primeiro tamén foi batería do grupo Atrás Tigre e, o segundo, foi Premio de Poesía Afundación e está considerado en Islandia un dos mellores escritores actuais na súa lingua. Enriba do ring tamén estará a filóloga e crítica literaria Chus Nogueira; e a creadora e performance Silvia Penas, de Cinta Adhesiva será a que oficie de moderadora.

Retos creativosAsaltos! permitirá descubrilos a todos e a todas elas dun xeito diferente, sacándoos da súa zona de confort creativa para proporlles —no respectivo ring dialéctico no que participan— retos coa palabra, a composición, a improvisación e con todo aquilo que ten que ver cos procesos creativos para así amosarlle en tempo real a audiencia como de variados, diferentes, singulares e enriquecedores poden ser.

Ademais, este formato converte o público en participante activo, que non se limitará a mero espectador ou espectadora, rachando coa distancias de emisor-receptor. De igual xeito, contarase cun amenizador musical para marcar os ritmos no cuadrilátero dialéctico-creativo, polo que a música será tamén unha púxil máis cun papel especial grazas ás intervencións sonoras do DJ Jesús Andrés Tejada. 


- Te recomendamos -