Inicio Galicia As vendas ao exterior na automoción, maquinaria e forestal permiten que as...

As vendas ao exterior na automoción, maquinaria e forestal permiten que as exportacións medren en Galicia máis do dobre que o conxunto de España

0

O director do Igape, Juan Cividanes, presentou os resultados das exportacións galegas nos primeiros nove meses do ano, nos que medraron un 7,65% con respecto ao mesmo período de 2017


O director do Igape, Juan Cividanes, presentou hoxe en Santiago de Compostela os resultados das exportacións das empresas galegas salientando a boa marcha das vendas ao exterior nos nove primeiros meses do ano, nos que medraron un 7,65% con respecto ao mesmo período do ano anterior, e superaron os 17.100 millóns de euros. Neste sentido destacou o incremento no volume de vendas ao exterior en sectores como a automoción, a maquinaria, o forestal, o agroalimentario ou o téxtil.

Apuntou, ademais, que o crecemento é máis do dobre do incremento que rexistra o conxunto de España, que é do 3,2%. Esta tendencia positiva das exportacións permite a Galicia ter un importante peso no conxunto do Estado, xa que as vendas ao exterior galegas suman un 8,1% do total das vendas ao exterior nacionais.

O director do Igape destacou tamén que o superávit comercial superou os 3.010 M€ nestes nove meses, o que sitúa Galicia como a terceira Comunidade Autónoma.

Sobre as exportacións referidas aos sectores produtivos que teñen máis peso na economía galega, Cividanes salientou o incremento nas vendas das empresas agroalimentarias, que medraron nun 2,4% e acadaron os 2.316 millóns de vendas; de automoción, que subiron un 11,1% e superaron os 4.033 millóns de euros; e do téxtil, cun aumento do 3,1% e un volume de vendas de 4.833,7 millóns de euros.

No que respecta ao resto dos sectores, subliñou a boa evolución que tamén se observa nas súas exportacións. Así, o da maquinaria acadou un valor de 561,6 millóns de euros, incrementándose un 83,% con respecto ao mesmo período de 2017; e o da madeira-forestal acadou un volume de 685 millóns de euros, o que supón unha suba de 7,5%.

En canto aos destinos tradicionais europeos nos que a presenza dos produtos galegos aumentou, destaca o incremento de Bélxica, nun 39,3%; de Polonia, nun 22,4% e de Portugal, nun 17,1%, entre outros. Cividanes resaltou a suba de vendas aos países do Mercosur e Asia, con incrementos do 21,9% e 4,6%, respectivamente. Salientou, neste sentido, que as liñas de axudas á internacionalización que desenvolve o Igape pretenden seguir impulsando as vendas das pemes galegas ao mercado asiático.

Un total de 6.100 empresas galegas exportaron produtos neste período, o que supón un incremento do 6,7% con respecto ao mesmo do pasado ano. Nos nove primeiros meses de 2018, o número de compañías galegas exportadoras regulares, é dicir, aquelas que venden produtos no estranxeiro durante os últimos catro años de forma consecutiva foi de 2.450. Desde 2009, o total de empresas exportadoras regulares medrou un 17,36%, pasando de 2.056 a 2.413.

O director do Igape puxo de manifesto tamén o compromiso da Xunta no apoio á internacionalización das pemes galegas mediante programas como o Galicia Exporta e o Foexga, que buscan facer das exportacións un motor de emprego e crecemento económico e cos que se pretende contribuír a consolidar a evolución positiva das exportacións galegas, que aumentaron un 55,3% desde 2009, marcando en 2017 un novo récord histórico ao superar por primeira vez os 21.000 millóns de euros.

Cividanes fixo especial fincapé no bo ritmo exportador con Portugal destacando que a Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza a colaboración comercial con este país a través de programas como o ECICII Plus, que ten como obxectivo fundamental impulsar a internacionalización das pemes galegas e portuguesas a outros mercados exteriores mediante a intensificación da cooperación e o aproveitamento das sinerxías.

Nese sentido, esta mañá tivo lugar na sede do Igape o noveno encontro do comité de xestión deste programa, no que os seis membros do proxecto analizaron as últimas actividades realizadas e as vindeiras accións e talleres previstos nos próximos meses.

Representantes do Igape tamén participaron hoxe na inauguración dunha misión comercial inversa con Cuba, Xapón e México, que se desenvolve en colaboración co Clúster TIC Galicia e forma parte do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios. Na xornada leváronse a cabo encontros bilaterais entre empresas para promover as oportunidades de internacionalización das empresas TIC.


- Te recomendamos -