Inicio Galicia As solicitudes para optar ás axudas da Xunta dos programas integrados de...

As solicitudes para optar ás axudas da Xunta dos programas integrados de emprego pódense presentar ata o 23 de xullo

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste programa para este ano no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 10,9M€ para beneficiar a 4300 desempregados

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria deste ano das axudas para os programas integrados de emprego nos que a Xunta inviste 10,9 millóns de euros para poder poñer en marcha a partir de setembro 43 programas. A través desta iniciativa, que promoven os concellos e as entidades sen ánimo de lucro, estímase a participación de 4300 persoas desempregadas. O obxectivo é que poidan incrementar as súas oportunidades laborais a través de actuacións encamiñadas á especialización e ao desenvolvemento de medidas que combinen orientación e asesoramento con formación e prácticas. Os concellos e as entidades sen ánimo de lucro xa poden solicitar os apoios. O prazo de inscrición remata o 23 de xullo.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza este ano esta iniciativa aumentando nun 15% o orzamento para aumentar o apoio que cada entidade percibe. Así, as entidades beneficiarias destas axudas recibirán 2500 euros de media por cada persoa participante no programa, o que supón un 4% máis con respecto a edicións anteriores.

Priorizarase por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Así mesmo, e ao igual que na pasada edición, resérvase orzamento para o desenvolvemento de plans específicos para as mulleres. En concreto, destínanse dous millóns de euros a esta actuación, un 18,3% do total, para seguir desenvolvendo unha das medidas do plan Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar a inserción das mulleres no mercado de traballo.

Nesta convocatoria tamén se continuará primando a aqueles proxectos nos que se implique o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Terán tamén preferencia os desempregados con discapacidade; en risco de exclusión social, incluídos os perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA); mulleres vítimas de violencia de xénero; menores de 30 anos; maiores de 45 anos; perceptores de prestacións, subsidios por desemprego ou a renda activa de inserción; beneficiarios da axuda do programa de recualificación profesional; desempregados como consecuencia dun expediente de regulación de emprego de carácter extintivo, presentado nos doce meses anteriores á publicación desta orde; mulleres; parados de longa duración; e inmigrantes.

Os programas integrados de emprego, que teñen un ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 35% dos seus participantes, é dicir, máis de 1500. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais. 


- Te recomendamos -