A Xunta realizou durante o último ano actuacións de seguridade, accesibilidade, nos servizos e no céspede das instalacións cun investimento de 85.000 euros
As piscinas do Parque Monto do Gozo abren as súas portas por segundo ano a partir deste martes 10 de xullo. Despois do éxito acadado na súa estrea o pasado verán, Turismo de Galicia pon este espazo a disposición tanto dos veciños de Santiago de Compostela e os galegos como dos peregrinos en xeral.
O acceso ás piscinas seguirá a ser de balde cun amplo horario comprendido entre as 10,30 horas e as 20,30 horas, todos os días da semana, ata finais de setembro. Nese período, poderán gozar dos tres vasos cos que contan estas piscinas creadas na lagoa do Parque Monte do Gozo. Os usuarios poderán utilizar a piscina para adultos, cunha superficie de 239 metros cadrados, a piscina infantil e o pediluvio, comunicadas con plataformas de pedra sobre a auga. Esta intervención foi finalista nos Premios Lledó e nos FAD de Arquitectura.
As instalacións disporán de servizo de socorrismo, atención e mantemento ao longo destes tres meses e están equipadas con elementos como hamacas ou parasoles nas súas zonas verdes. Contan, igualmente, con vestiarios e aseos que foron completamente renovados.
No último ano, ampliouse o investimento con novas actuación de mellora. Así, destináronse máis de 37.000 euros para a optimización da ventilación na sala de maquinas, a instalación de equipamento biosanitario e bancadas de exterior e a substitución da tarima de madeira na zona de solarium para reforzar as condicións de seguridade. Amais, procedeuse á eliminación de barreiras arquitectónicas nos accesos, tanto nos pavimentos pétreos como coa colocación de tapas de arquetas de rexistro e coa sinalización dos chanzos existentes.5.000 m² de zonas verdesAsí mesmo, realizouse unha intervención por valor de máis de 48.000 euros para ampliar o céspede natural, acadando unha superficie de 3.300 metros cadrados, que se engaden aos 1.500 metros cadrados existentes repartidos en tres zonas na contorna das piscinas.
A creación das piscinas forma parte do Plan de Revitalización do Parque Monte do Gozo, un espazo simbólico ao final do Camiño de Santiago onde a Xunta leva investidos máis de 2,5 millóns de euros nos últimos anos. Grazas a este orzamento, incrementouse o atractivo deste pulmón da capital galega, un espazo de convivencia entre camiñantes e residentes.
A punto para o Xacobeo 2021O acondicionamento do Parque Monte do Gozo recuperou os usos de distintas zonas como o recinto de festivais, que a pasada semana acolleu con éxito a 84.000 persoas nas tres xornadas de O Son do Camiño, a confirmación definitiva da súa recuperación. Este verán volverá a acoller un novo concerto que ofrecerá Ricky Martin o vindeiro 18 de agosto.
Coa vista no Xacobeo 2021, o Goberno galego segue a traballar na posta a punto de todo o recinto, que conta cunha superficie de 600.000 metros cadrados, completando as distintas fases previstas dentro do Plan. Culmináronse as intervencións paisaxísticas coa plantación de especies autóctonas, mobiliario, sinalización, adecuación de sendeiros, espazos de picnic e lecer, circuíto de running, disc-golf ou o centro de recepción de peregrinos a cabalo.
- Te recomendamos -