Inicio Galicia As persoas con discapacidade visual poden acceder á navegación tradicional grazas á...

As persoas con discapacidade visual poden acceder á navegación tradicional grazas á iniciativa 'Sentir o Mar' promovida pola Xunta

0

Este proxecto comprende unha guía que amosa diversas formas de gozar do mar para persoas invidentes e comprende exercicios de navegación en embarcacións previamente formadas

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Muros a utilidade e o valor da guía Sentir o Mar, achegándonos ao mar cos sentidos, que recolle o traballo realizado por un equipo de profesionais do ámbito educativo e social e demostra distintas formas de vivir o mar para as persoas invidentes. Un proxecto, sinalou a titular de Mar, promovido pola Consellería do Mar, “concibido co espírito de superar barreiras” e que alberga “a excelencia educativa”.

Así o destacou Rosa Quintana hoxe durante a presentación desta publicación en Muros, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Alí a conselleira tamén salientou que este proxecto involucra a profesores, estudantes e familias, xa que é unha ferramenta de apoio para eles.

Deste xeito, sinalou a titular de Mar, os participantes farán da navegación tradicional unha nova actividade de ocio segura e atractiva para todos e os formadores e as familias transmitirán valores a través dos distintos sentidos aos máis cativos. Nesta liña, engadiu que a iniciativa Sentir o mar é “un recurso pedagóxico que se compón de experiencias vitais, consellos e boas prácticas”.

Leer más:  Ninguno de los municipios gallegos con zonas de gran afluencia prevé seguir a Santiago e implantar una tasa

Ademais da guía, esta iniciativa comprende exercicios de navegación en embarcacións previamente formadas de xeito específico, como o que se realizou en Muros trala presentación da publicación. Nestes exercicios preséntase a descrición gráfica do barco e a nomenclatura das súas partes en braille co apoio de elementos como unha maqueta a tamaño escala, que reproduce todos os detalles do barco, permitindo a familiarización dos novos navegantes, e unhas láminas realizadas en papel microcápsula en relevo que facilita a súa exploración na propia embarcación. Estas xornadas inclúen tamén unha visita guiada polo barco previa á navegación. É o exercicio máis realista e persoal, que lles axudará a xerar a sensación de seguridade necesaria para realizar manobras.

Durante a súa intervención na presentación de Sentir o Mar, Rosa Quintana, recoñeceu o labor do equipo que desenvolve este proxecto e agradeceu á Fundación ONCE, que colabora nesta iniciativa, promovida pola Consellería do Mar e na que tamén colabora o concello de Muros, entre outros.


- Te recomendamos -