A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda supervisou os traballos que se están a levar a cabo neste punto do Parque Natural da Baixa Limia, que estarán rematadas en 2019
Lobios (Ourense), 12 de decembro de 2018-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que as obras de recuperación da pasarela sobre o río Vilameá, no Concello de Lobios, estarán rematadas o vindeiro ano, polo que en 2019 poderase camiñar novamente pola ruta dos Muíños. A responsable de Medio Ambiente supervisou hoxe os traballos que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural está a executar e que ten un orzamento de máis de 80.000 euros.
Recordou que se trata dunha actuación moi demanda dende a Administración local, xa que permite acceder e transitar por un sendeiro único con 12 muíños e que na actualidade se atopa cortado neste punto debido ao deterioro da infraestrutura de paso. Os traballos consisten na colocación dunha estrutura de madeira de piñeiro albar, de 18 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho, salvando o río Vilameá a unha altitude de 10 metros.Ángeles Vázquez salientou que a importancia desta actuación radica no seu fondo, que é a recuperación do patrimonio existente na zona para poñer en valor e divulgar este espazo protexido no que está enclavado, o Parque Baixa Limia- Serra do Xurés, que é o parque natural máis extenso dos que hai en Galicia, con preto de 30.000 hectáreas que abranguen seis concellos (Bande, Lobeira, lobios, Muíños, Entrimo e Calvos de Randín).
O parque Baixa Limia- Serra do Xurés é un espazo de gran importancia, non só para Galicia, senón tamén a nivel mundial; tal e como recoñeceu a Unesco en 2009 ao declaralo Reserva da Biosfera Transfronteiriza, xunto co Parque Nacional portugués da Peneda-Gerés.
Recordou que conta con varias figuras de protección, a última recoñecida -en 2014- foi a de Zona Especial de Conservación Baixa Limia, e que é unha zona de campeo da aguia real (especie incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de en perigo de extinción), e pola que foi declarada en 2001 área prioritaria de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local desta especie. Neste parque están censadas máis de 30 especies de mamíferos e 150 aves, conta cun importante patrimonio arqueolóxico, etnográfico e histórico e numerosos xacementos da cultura castrexa. “Un conxunto de potenciais e atractivos que preto de 24.000 visitantes en 2018 puideron coñecer a través dos 130 quilómetros acondicionados nas 11 rutas de sendeirismo identificadas”, destacou Vázquez Mejuto.
O Goberno galego é consciente da importancia deste espazo natural protexido e por iso está comprometido coa súa protección e conservación, tal e como demostran os investimentos realizados en 2018, que superaron os 341.000 euros. Esta contía permitiu levar adiante actuacións de restauración e de prevención no parque natural, así como iniciativas para a súa divulgación e promoción. Indicou que -a estes investimentos- súmanse as axudas concedidas ao abeiro dos fondos Feder para actuacións no Parque, que supuxeron a concesión de preto de 600.000 euros na última convocatoria aos concellos, particulares e empresas.
- Te recomendamos -