Inicio Galicia As bibliotecas públicas municipais recuperan o pulso en setembro ofrecendo 135 actividades...

As bibliotecas públicas municipais recuperan o pulso en setembro ofrecendo 135 actividades do programa Ler conta moito

0

Preto de 90 municipios de toda Galicia acollerán iniciativas dentro deste programa de dinamización da lectura promovido pola Consellería de Cultura e Educación en colaboración cos concellos


As bibliotecas públicas municipais recuperan o pulso neste mes de setembro e ofrecen 135 actividades dentro do programa de dinamización da lectura Ler conta moito, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración cos concellos. Preto de 90 localidades das catro provincias galegas acollen distintas iniciativas que teñen un obxectivo común: promover o hábito lector entre a cidadanía nun contexto lúdico.

As propostas para o mes de setembro de Ler conta moito inclúen actividades como Radio Bulebule, de Paco Nogueiras; un obradoiro creativo para a creación dun libro ilustrado a cargo de Minia Regos, o conto de maxia O neno que quería ser mago, co mago Javier Muro; o espectáculo Amodiño, amodiño, de Trécola Teatro; os Contacontos en verso para nenos e nenas, de Yolanda Castaño; a actividade Avós, de Trinketrinke Teatro, A cabeza do dragón, de Títeres Cachirulo e Os contos do chupete, con Migallas Teatro, entre outras.

Sarria, Miño, Corcubión, Lalín, O Pereiro de Aguiar, Trabada, Bergondo, O Barco de Valdeorras, Monterroso, Baiona ou Moaña son algúns dos municipios que acollerán a programación ao longo do mes de setembro. A información sobre todas as actividades pode consultarse na axenda do programa, en http://rbgalicia.xunta.es/solicitudes-subvencion-2018/calendario/index.php A edición de 2018, que conta cun orzamentos de 195.000 euros, está a facer posible que, ata o 30 de outubro, cando remata o período de programación, 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais de 173 municipios se beneficien de actividades moi diferentes, pensadas para un público heteroxéneo e de todas as idades.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, procura, deste xeito, facilitar o achegamento aos espazos das bibliotecas como punto de encontro. Na web de cultura https://www.cultura.gal/gl/videos/47113 e na canle de YouTube https://youtu.be/ZsgPksLHaZI está accesible un vídeo con información sobre o programa.

Propostas para fomentar a lecturaLer conta moito ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraente. As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, ata teatro e danza, exposicións ou itinerarios guiados, entre outras. Cada acción pode estar, ademais, dirixida a públicos específicos, como bebés de 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais.

A Secretaría Xeral de Cultura financia o 75% do custo das actividades programadas, mentres que as entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa co-financian o 25% restante. 


- Te recomendamos -