Inicio Galicia As axudas para a terceira edición dos premios e apoio a Proxectos...

As axudas para a terceira edición dos premios e apoio a Proxectos 4.0 poden solicitarse ata o 28 de setembro

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se apoiarán como mínimo seis novas iniciativas colectivas para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a terceira convocatoria dos premios e axudas a proxectos Industria 4.0, unha iniciativa que impulsa cun orzamento de máis de 4 millóns de euros para apoiar como mínimo seis novas iniciativas colectivas para seguir avanzando no desenvolvemento en Galicia da fábrica intelixente e conectada en sectores estratéxicos da economía. A previsión é mobilizar investimentos por 10 millóns de euros en proxectos de medio cento de empresas coordinadas por organismos intermedios de carácter sectorial, para seguir avanzando na implantación da Industria 4.0 en Galicia.

O prazo de solicitude estará aberto ata o próximo 28 de setembro.

Entre as principais novidades da convocatoria destaca o incremento das axudas máximas de 1 millón a 1,5 millóns de euros para impulsar cada un dos proxectos sectoriais aprobados, co obxecto de facilitar a formación de grupos de empresas amplos e con investimentos de maior calado.

Como en convocatorias anteriores, cada un dos organismos intermedios promotores dos proxectos seleccionados recibirán un premio de 25.000 euros, como compensación polo seu labor na formación de grupos de empresas dispostas a investir no eido da Industria 4.0. Este traballo inclúe a localización, a coordinación e a dinamización dos plans de investimento.

Os proxectos aprobados ao abeiro desta terceira convocatoria sumaranse aos impulsados polas 70 empresas beneficiaras das dúas edicións anteriores, que mobilizan máis de 15M€ en investimentos altamente tecnolóxicos, no eido da industria intelixente e conectada.

Os sectores da automoción, madeira, agroalimentario, metalmecánico, aeronáutico e naval, impulsados polos respectivos clusters, son os que están a actuar polo de agora como locomotoras da Industria 4.0 en Galicia. As relacionadas coa automatización e a intercomunicación entre máquinas son as tecnoloxías máis empregadas nos proxectos desenvolvidos ata a data, seguidas das vinculadas á sensórica ou a dixitalización de procesos.

Os plans apoiados a través desta liña de axudas, ademais de beneficiar de xeito directo aos traballadores das empresas que acometen investimentos 4.0 e aos dos organismos intermedios, que facilitan a cooperación, están chamados a actuar como investimentos de futuro, ao servir como exemplos a seguir por outras empresas no desenvolvemento da Axenda Industria 4.0.


- Te recomendamos -