Inicio Galicia As asociacións ?Compostelle? e ?Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid?,...

As asociacións ?Compostelle? e ?Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid?, premios Elias Valiña 2018

0

O suízo Joseph Leutenegger recibiu unha mención especial

A Asociación parisiense “Compostelle 2000”, a Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid e Joseph Leutenegger recibiron hoxe os Premios Elías Valiña 2018, pola súa promoción dos valores dos camiños de Santiago e o compromiso coas peregrinacións a Compostela desde fóra de Galicia.

Durante o acto de entrega dos galardóns, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, loou os premiados desta vixésima edición por representar os valores que aglutina o Camiño como “a solidariedade, o entendemento, a fraternidade e o esforzo colectivo en prol dun proxecto común”. Ademais do conselleiro, tamén participou no acto a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, que entregou un dos premios.

Os galardóns Elías Valiña foron creados pola Xunta de Galicia no ano 1996 na honra do que fora o párroco do Cebreiro, que destacou por novidosas iniciativas no ámbito editorial e asociativo e, sobre todo, por impulsar a ruta do Camiño de Santiago coa sinalización da frecha amarela que hoxe perdura, co obxectivo de facilitar a orientación dos peregrinos que camiñaban a Santiago.

O deseño dos premios correu a cargo de Eferro e consiste nun zoco feito nas cores amarela e azul, que identifican a sinalización das rutas e remiten á frecha amarela deseñada polo propio Valiña para o Camiño Francés.

Asociación “Compostelle 2000”A comisión de valoración do premio, reunida o pasado maio, concluíu outorgar os galardóns deste ano á Asociación “Compostelle 2000”, á Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid e a Joseph Leutenegger.

A Asociación “Compostelle 2000” comezou a súa andaina en 1997 con sede central en París co fin de prestar unha axuda personalizada aos peregrinos e camiñantes que parten desde a capital francesa cara Santiago. Co paso dos anos foron abrindo os servizos aos arredores de París e, sobre todo, adaptándoos ás persoas con discapacidade. De feito, en 1999 organizan a primeira peregrinaxe de persoas con discapacidade desde Le Pue en Velay ata Compostela.

Desta entidade -que conta con 500 socios- valorouse a súa actividade en espazos urbanos de relevancia internacional, o seu traballo divulgativo e investigador e a súa sensibilidade humana e vocación de integrar a colectivos que, doutro xeito, non poderían vivir a experiencia da peregrinación.

Caminos de Santiago de Madrid A “Asociación de Amigos de los Caminos de Santiago de Madrid” foi constituída en 1987 e, desde entón, mantén unha importante actividade centrada na protección e difusión do patrimonio (como a sinalización de todo o Camiño desde Madrid ata Santiago), e nos traballos de investigación, documentación e fomento do coñecemento do fenómeno xacobeo entre a cidadanía. A comisión do premio valorou especialmente as súas tarefas dinamizadoras de amplo alcance na comunidade que é corazón do Estado, entre milleiros e milleiros de persoas ; así como o seu papel de acollida e hospitalidade a través da xestión de albergues propios ou alleos, onde a atención é numerosa e constante.

Mención especial para Joseph LeuteneggerFinalmente a comisión concédelle unha mención especial ao suízo Joseph Leutenegger, que condensou o seu espírito emprendedor coas súas profundas crenzas relixiosas ao servizo do Camiño de Santiago.

En concreto, colaborou e sufragou intervencións en Ponferrada (León), Foncebadón (León), Hospital de Órbigo (León), Astorga (León), El Acebo (León) e Rapperswil (Suíza).


- Te recomendamos -