O torneo, no que se darán cita 851 xogadores de 85 países, foi inaugurado esta tarde no Gaiás
Peóns, alfís e cabalos móvense xa cun ritmo frenético na Cidade da Cultura de Galicia. O Campionato Mundial de Xadrez Cadete, no que se dan cita as mellores promesas mundiais deste deporte, comezou hoxe no Gaiás con 400 partidas simultáneas e 851 participantes dos cinco continentes.
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, acompañada do director xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, Anxo Lorenzo, foi a encargada de inaugurar o campionato realizando, de maneira simbólica, o movemento de apertura do torneo. Na cerimonia estiveron tamén presentes representantes da Federación Internacional de Xadrez (FIDE); o presidente e o secretario xeral da Federación Española de Ajedrez, Javier Ochoa Echangüen e Ramón Padullés Argerich, respectivamente; o presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez Carnero e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, entre outras autoridades.
Un total de 69 xogadores galegos, procedentes das catro provincias galegas, participan nesta edición do Mundial, a máis numerosa das tres celebradas ata agora nas categorías sub-8, sub-10 e sub-12. Durante as 11 rondas que se disputarán ata o día 16 de novembro medirán as súas forzas con rivais de 85 países, once dos cales lograron xa, a pesar da súa curta idade, algúns dos títulos máis prestixiosos que outorga a Federación Internacional de Xadrez (FIDE), como o de Mestre Internacional ou Mestre e Mestra FIDE.
Máis aló do aspecto deportivo, a celebración do Mundial de Xadrez Cadete no Gaiás supón un impulso excepcional para o sector turístico de Galicia. A organización estima que máis de 2.000 persoas visitarán a nosa comunidade con motivo do torneo. Árbitros, representantes das diferentes delegacións nacionais e tamén os xogadores e xogadoras coas súas familias terán ocasión de coñecer Santiago de Compostela e outros lugares icónicos da xeografía galega, achegándose ao noso patrimonio natural, paisaxístico e cultural.
O Gaiás, contedor de grandes citas internacionaisPrecisamente, na candidatura que se presentara ante a Federación Internacional de Xadrez –vencedora por riba de Turquía e Croacia– subliñábase a relevancia da Catedral e do Camiño de Santiago como dous dos elementos máis emblemáticos que Galicia ofrece ao mundo. Así mesmo, a Cidade da Cultura reafirma, ao ser elixida sede do Mundial, o seu valor como espazo para albergar citas internacionais de primeiro nivel, tanto deportivas como profesionais e culturais.
O Campionato Mundial de Xadrez Cadete está organizado polas federacións galega, española e internacional de xadrez, co apoio da Xunta de Galicia –a través da Fundación Cidade da Cultura e da Secretaría Xeral para o Deporte–, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consejo Superior de Deportes. Ademais, colaboran neste evento a asociación de empresarios Compostela Monumental, GADIS, AENA, Área Central, LaLiga4Sports e Chess24.
Os afeccionados ao xadrez poderán seguir en vivo a competición desde a carpa instalada no exterior do Museo Centro Gaiás e tamén vía streaming na web do campionato.
- Te recomendamos -