Dáse así un paso máis cara á finalización desta reorganización territorial, que beneficia 614 propietarios e afecta unha superficie total de 171 hectáreas
A Consellería do Medio Rural vén de aprobar o acordo da reestruturación parcelaria da zona de Troáns – sector II, no concello pontevedrés de Cuntis. Este paso supón a determinación dos predios de re-emprazo cos novos titulares, coa superficie resultante da reorganización e coa nova clasificación da terra. Neste caso, falamos da reorganización de 2.977 parcelas que pasan a ser 717 predios pertencentes a 614 propietarios.
A aprobación do acordo, que se publicará en breve no Diario Oficial de Galicia, foi asinado xa polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e permite dar un paso máis na finalización deste proceso que afecta 171 hectáreas e que ten un carácter principalmente forestal, xa que da superficie total aproximadamente o 70% corresponde a monte e o 30% restante a terreos agrícolas.
Nesta reorganización territorial lévanse investidos 1,4 millóns de euros, que se destinaron na súa meirande parte á execución da rede de camiños e, en menor medida, a investimentos en diferentes servizos técnicos relacionados, entre outras cuestións, co seguimento ambiental e o control arqueolóxico do proceso.
O impulso ás reestruturacións parcelarias é unha das principais liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Para esta finalidade, o departamento que dirixe José González destina só este ano un orzamento total de 20,5 millóns de euros. O obxectivo é rematar administrativamente no ano 2020 as zonas actualmente abertas.
- Te recomendamos -