A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do PXOM co alcalde, Manuel Rodríguez
Santiago, 26 de setembro de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aprobou hoxe definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Coles (Ourense), un documento que atendendo ás características do municipio, pon especial atención á consolidación da meirande parte dos núcleos rurais do concello ao tempo que reserva zonas para o seu desenvolvemento residencial e industrial nos próximos anos.
Trátase do primeiro planeamento xeral de Coles e polo tanto, supón un importante avance en materia urbanística para este concello ourensán, que ata o momento se rexía por unhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas en 1995. Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, quen asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do documento no transcurso dunha reunión co alcalde de Coles, Manuel Rodríguez.
O documento, en cuxa redacción colaborou a Xunta con axudas por importe de 112.099,8 euros e cuxa tramitación prolongouse durante 10 anos, cualifica o 91,91% do termo municipal como solo rústico, nunha clara aposta pola preservación natural do concello. Preto do 6,38% está cualificado como solo de núcleo rural, o 1,63% como urbano e só o 0,08% como solo urbanizable.
Entre os principais obxectivos do novo PXOM, figuran a consolidación dos núcleos rurais pero sen esquecer as necesidades de crecemento do municipio nos próximos anos desde o punto de vista da súa capacidade residencial e industrial. Concretamente, desde o punto de vista da industria, o PXOM contempla na zona sur do concello, pegada aos núcleos de Ribela e A Reguenga, unha zona industrial que xerará 300 postos de traballo; e está programado un polígono de máis de 500.000 metros cadrados en Cambeo, limítrofe coa autoestrada de Lugo.
Coa aprobación definitiva deste plan, cunha vida útil prevista de 12 anos, son xa 9 os instrumentos de ordenación urbanística que recibiron o visto bo do Goberno galego na actual lexislatura e un total de 97 os PXOM adaptados en Galicia á normativa vixente. Por esta razón, a titular de Medio Ambiente puxo a aprobación do planeamento de Coles como exemplo do compromiso da Xunta cos concellos para a consecución dun “desenvolvemento urbanístico responsable”.
- Te recomendamos -