Inicio Galicia Aprobado definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Caldas...

Aprobado definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Caldas de Reis

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou esta mañá a orde de Aprobación Definitiva relativa a este PXOM, que en decembro de 2016 acadaba a súa aprobación parcial

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de Aprobación Definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Caldas de Reis. A conselleira mantivo unha reunión co rexedor municipal, José Manuel Rey Rey, ao que lle comunicou esta decisión da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e trasladoulle a súa satisfacción persoal, por tratarse do primeiro plan xeral de ordenación que aproba dende que asumiu as competencias de ordenación do territorio.Ángeles Vázquez lembrou que en decembro de 2016 a Xunta aprobada parcialmente o PXOM de Caldas (abarcaba o 96% do territorio), polo que quedaba en suspenso un 4% do ámbito do termo municipal, é dicir, quedaba pendente de aprobación 3 dos 19 solos urbanizables propostos polo Concello de Caldas ao non estar convenientemente xustificados ou parcialmente suxeitos á diversas afeccións sectoriais coma a de augas e infraestruturas.

Agradeceu o traballo realizado polo Concello, ao que se lle brindou a colaboración técnica e económica (cunha axuda á redacción de planeamento por importe de 116.000 euros) desde o departamento en materia de urbanismo, para acadar a aprobación deste porcentaxe; que supón sumarse aos 97 concellos galegos que contan cun plan xeral acorde á Lei do Solo, 67 aprobados dende abril de 2009, dos cales 9 se aprobaron na presente lexislatura.

A conselleira destacou que este plan xeral ofrece seguridade xurídica á situación urbanística de todo o termo municipal e á totalidade de 9.800 veciños, que vén como se reservan máis de 560.000 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes, un 65,80% máis do esixido na Lei de solo; e 132.339 metros cadrados para equipamentos comunitarios, un 16,50% máis que o que dita a lei; co que se poderán levar a cabo proxectos como a ampliación da casa do Concello e do Instituto Aquis Celenis, e a construción dun novo centro de saúde ou aproveitar os espazos naturais que ten Caldas de Reis ao carón dos ríos Bermaña e Umia, posibilitando a creación de parques fluviais na súa contorna.

Tal e como trasladou ao alcalde, este plan xeral deberá atender ás necesidades urbanísticas de Caldas de Reis durante os próximos 16 anos, polo que o concello estará urbanisticamente preparado para atender a creación de novas vivendas, avogando sempre polo desenvolvemento no ámbito rural aínda que sen esquecer as necesidades das zonas urbanas e urbanizables. Nese sentido, aclarou que un 8,77% do concello queda clasificado como solo de núcleo rural, representando o solo urbanizable un 3,50% e o solo urbano un 2,03%. O restante 85,70% do territorio queda clasificado como solo rústico.Ángeles Vázquez tamén destacou o papel de Caldas de Reis, como cabeceira comarcal, na actividade industrial e o seu potencial de desenvolvemento económico; polo que o PXOM aprobado hoxe responde e atende ás necesidades existentes en canto a actividades produtivas e empresariais, xeradoras de emprego e riqueza.

Destacou os asentamentos e a grande actividade industrial en diversas zonas como As Veigas de Almorzar, a recta de Arcos da Condesa, en Godos e noutros ámbitos localizados de forma dispersa polo territorio. Non obstante, o novo PXOM delimita un total de 10 sectores de uso industrial nestas zonas, regularizando ademais os asentamentos industriais xurdidos á marxe do planeamento.

En definitiva, a estratexia do plan é dobre, dunha banda ordena as actividades existentes e prevé posibles actuacións; e por outra reserva solos para atender a novas demandas empresariais que poidan xurdir e a posibilidade de recolocación das actividades implantadas en solos rústicos ou de núcleo rural.


- Te recomendamos -