Inicio Galicia Ángeles Vázquez súmase á campaña ?Recicla vidro por elas? que recada fondos...

Ángeles Vázquez súmase á campaña ?Recicla vidro por elas? que recada fondos contra o cancro de mama en 10 concellos galegos

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anima aos galegos a apoiar esta iniciativa, coa que Ecovidrio doará á Fundación Sandra Ibarra fronte ao Cancro un euro por cada quilo depositado nos contedores rosa instalados por todo o país


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, súmase á campaña Recicla vidro por elas, unha iniciativa impulsada por Ecovidrio para recadar fondos con motivo do Día do Cancro de Mama que se conmemora hoxe en todo o mundo e na que en Galicia participan directamente dez concellos.

O obxectivo da campaña, que este ano cumpre a súa terceira edición, é mobilizar e implicar aos cidadáns na reciclaxe de vidro ao tempo que se contribúe a unha causa solidaria. Así, por cada quilo de envases que os cidadáns depositen nos contedores instalados con motivo desta iniciativa, Ecovidrio doará un euro á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade fronte ao Cancro.

Igualmente, tamén está á venda un miniglú deseñado para a campaña por Ághata Ruiz de la Prada e cuxos beneficios entregaranse á mesma fundación co fin de contribuír á prevención, información e sensibilización sobre esta enfermidade.

A campaña percorrerá este ano máis de 60 cidades españolas. No caso concreto de Galicia, os contedores rosa, deseñados e rotulados para a ocasión co lema Recicla vidro por elas, están instalados xa en lugares estratéxicos de Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo, Noia, Ribeira, Boiro, Porto do Son, Curtis e Padrón.

Precisamente a conselleira achegouse ata á Praza Roxa compostelá para coñecer de primeira man a iniciativa, na que anima a participar a todos os galegos co obxectivo de que o diñeiro recadado a través do vidro reciclado nestes contedores sexa o maior posible. A campaña prolongarase ata o vindeiro 24 de outubro. 


- Te recomendamos -