A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acaba de reunirse co alcalde de Toques, Miguel Buján, para abordar cuestións relacionadas coa loita contra os incendios forestais e as posibilidades de incrementar a súa colaboración. Ángeles Vázquez sinalou que Toques ten subscrito o convenio de prevención e extinción coa Consellería, o que lle permite dispor de brigadas e recibir achegas polas hectáreas de superficie rozada. A través deste acordo, Medio Rural achegará este ano 34.340 euros ao municipio.
No encontro ambas as partes aproveitaron tamén para abordar diversas reformas nas infraestruturas do Concello. Neste sentido, a través do Plan marco de mellora de camiños municipais, Toques está renovando o camiño de Porto Salgueiro a Foxo do Cabrito cun orzamento de 44.988 euros. Ademais, grazas á convocatoria deste ano, recibirá unha achega similar para ampliar o acceso a Santa Uxía e arranxar o viario do campo de fútbol á Tarroeira.
- Te recomendamos -