Inicio Galicia Ángeles Vázquez felicita aos adegueiros de Ribeiras do Morrazo pola comercialización das...

Ángeles Vázquez felicita aos adegueiros de Ribeiras do Morrazo pola comercialización das primeiras botellas certificadas baixo a nova IXP

0

A conselleira do Medio Rural asistiu á posta de largo da asociación que integra a catro bodegas destes novo selo de calidade

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu esta mañá á creación da asociación de adegas Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ribeiras do Morrazo, que integra ás primeiras bodegas comercializadoras deste novo selo de calidade. Trátase da adega Reboraina (Redondela), Areeiros (Vilaboa), Ardán (Marín) e Mercedarios San Juan de Poio (Poio).

A todas elas, Ángeles Vázquez felicitounas polo seu traballo, primeiro de posta en marcha da nova indicación e agora, unha vez aprobado o selo de calidade, por comercializar o viño baixo esta marca. “Temos que remontarnos ao 2013, cando diferentes asociacións, viticultores e adegueiros se uniron para crear unha IXP propia da zona, que hoxe a é unha realidade”, declarou a conselleira.

Neste sentido, a titular de Medio Rural lembrou que a do pasado outono foi a primeira vendima amparada por este selo regulador a nivel estatal e, polo tanto, estanse xa vendendo as primeiras botellas da IXP Ribeiras do Morrazo. En xaneiro conseguiuse tamén o recoñecemento a nivel europeo, a todos os efectos.

A conselleira sinalou que, unha vez pechado este trámite, é hora de mirar cara o futuro e apostar pola “profesionalización, promoción do produto e a internacionalización do mesmo”. Para abordar este camiño ofreceu, como o de ata agora, o apoio da Xunta. Neste sentido, Ángeles Vázquez animou aos viticultores a emprender proxectos de mobilidade de terras para loitar contra a fragmentación do territorio e deste xeito ser máis competitivos.

Superficie e variedadesA superficie produtora de uvas para a IXP Ribeiras do Morrazo está entre as 1.000 e 1.500 hectáreas nos concellos de Poio, Marín, Pontevedra, Vilaboa, Moaña, Bueu, Cangas e Redondela. Nesta zona hai 25.414 viticultores que contan con algo máis de 73.000 parcelas de viñedo.

Para a elaboración destes viños a variedade de uva máis representativa é a de albariño, pero tamén son admisibles as variedades brancas caíño branco, godello, loureira, treixadura, branco lexítimo e torrontés; mentres que no caso das tintas son brancellao, caíño tinto, pedral, espadeiro, loureiro tinto, mencía e sousón.


- Te recomendamos -