Inicio Galicia Ángeles Vázquez e o alcalde de Vilar de Santos analizan as axudas...

Ángeles Vázquez e o alcalde de Vilar de Santos analizan as axudas do Goberno galego en materia de vivenda

0

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión co rexedor municipal, Xoán Xosé Jardón, no que tamén repasaron a situación actual do planeamento urbanístico


Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018-. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón Pedras, mantiveron unha reunión na que abordaron as distintas liñas de actuación do Goberno galego para facilitar o acceso á vivenda e a rehabilitación, como o programa Rexurbe ou o programa para a rehabilitación de vivendas de mestres.

Vázquez Mejuto indicoulle que o programa de vivenda de mestres é unha iniciativa que se iniciou en 2017, tras constatar que os pequenos concellos dispoñían en ocasións de inmobles da súa propiedade en desuso e que se podían acondicionar como vivendas con investimentos relativamente pequenos. Ao longo de 2019 o IGVS disporá de 1,6 millóns de euros para a posta en marcha de actuacións ao abeiro deste programa.

Así mesmo, para garantir o acceso a unha vivenda aos colectivos máis desfavorecidos, os orzamentos do vindeiro ano inclúen en concepto de axudas por desafiuzamentos unha partida de 2,6 millóns de euros, á que se suman os 2,2 millóns de euros do Bono Alugueiro Social e os 7,6 millóns que se destinarán á construción pisos de protección.

A conselleira de Medio Ambiente amosou a súa máxima disposición a traballar da man do Goberno municipal para poder atender a súa demanda e lembrou que precisamente as políticas en materia de vivenda son unha ferramenta moi efectiva á hora de lograr a dinamización do medio rural e de fixar poboación nos concellos máis pequenos.

Outro dos puntos abordados na reunión foi a situación do planeamento urbanístico do Concello de Vilar de Santos. A conselleira trasladoulle a máxima colaboración dos técnicos da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para conseguir que o plan xeral deste concello da provincia de Ourense sexa unha realidade o antes posible. 


- Te recomendamos -