A facturación deste eido produtivo rolda os 2.000 millóns de euros anuais, representando o 3,5% do PIB galego
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, inaugurou esta tarde en Boqueixón a V edición da feira Galiforest Abanca, que este ano conta con máis de 250 firmas procedentes de 11 comunidades autónomas e países como Suecia, Portugal, Italia e Austria. “Está claro que este certame consolidouse no calendario internacional como un referente no sector forestal”, destacou a conselleira, quen salientou que este éxito se debe ao peso do sector forestal na nosa comunidade.
Así, a conselleira salientou que a facturación deste eido produtivo rolda os 2.000 millóns de euros anuais, representando o 3,5% do PIB galego. Isto supón que Galicia sexa líder a nivel nacional e se posicione no noveno lugar en Europa. “E somos líderes no ámbito forestal porque o 50% das cortas de madeira que se realizan a nivel nacional fanse na nosa comunidade”.Ángeles Vázquez explicou que existen máis de 2.800 comunidades de montes en Galicia, de aí a necesidade de velar por un monte sustentable e produtivo, pois máis do 12% das familias galegas perciben ingresos por este concepto, superando os 300 millóns de euros. “Estamos a falar de 3.000 empresas e de 70.000 postos de traballos, entre directos e indirectos”, subliñaba a titular de Medio Rural, ao tempo que afirmaba que é imprescindible apostar pola transformación para abrir mercados e mellorar así en calidade e diversidade de produtos.
V Edición de GaliforestEste ano, a feira conta con 35.200 metros cadrados con todo tipo de demostracións de maquinaria e máis de 150 actividades como xornadas técnicas sobre certificación forestal, construción con madeira certificada, seguridade e prevención no manexo de maquinaria e tramitación electrónica, entre outras.
Ademais, volve o concurso de innovación Galiforest Abanca 2018, onde se recoñecerán novos proxectos orientados á mellora do sector forestal, así como talleres de manexo de motoserras ou figurismo.
- Te recomendamos -