A conselleira do Medio Rural asistiu esta tarde á inauguración da Feira do Viño de Monterrei
Verín (Ourense), 10 de agosto de 2018.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu hoxe á inauguración da XIII Feira do Viño de Monterrei, onde destacou a traxectoria da Denominación de Orixe Monterrei, marcada ao longo dos seus 25 anos de existencia pola experiencia, a tradición e a innovación como elementos clave para encarar con éxito os retos. A conselleira, que estivo acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, aseverou que os viños galegos reflicten a diversidade e pluralidade da Comunidade á que representan. E lembrou que a produción de viño do pasado ano amparada por esta denominación case cuadriplicou a produción de hai dez anos, ao pasar de 8.000 hectolitros a preto de 30.000 hectolitros.
Logo de precisar que no sector vitivinícola galego en xeral e nesta denominación en particular, cantidade e calidade van da man, a conselleira salientou a aposta da Xunta de Galicia pola internacionalización, cunha achega de máis de 16 millóns de euros á promoción e internacionalización deste sector nos últimos dez anos.Ángeles Vázquez concluíu a súa intervención destacando o labor de todos os entes que forman parte desta feira cuxa cooperación e unión, dixo, fai posible o seu éxito. Un traballo conxunto para conseguir “a calidade, o carácter e o sabor que caracterizan os caldos de Monterrei”, engadiu. Neste senso, destacou o recente premio conseguido polo viño Crego e Monaguillo, da adega homónima, que vén de gañar o acio de ouro ao mellor tinto de Galicia nas pasadas Catas Oficiais de Galicia. “Un galardón que reflicte o traballo de quen aposta por un sector de calidade”, terminou.
- Te recomendamos -