Inicio Galicia Ángeles Vázquez anima á solicitar as axudas para a creación de novas...

Ángeles Vázquez anima á solicitar as axudas para a creación de novas Sofor que contan cun orzamento de 850.000 euros

0

O prazo para presentar peticións remata este venres e a subvención permite tanto a posta en marcha de novas sociedades como a actividade inicial daquelas xa inscritas

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou hoxe Requián, no concello da Estrada, para coñecer os montes xestionados pola Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) da zona. Alí aproveitou para lembrar que continúa aberto o prazo para solicitar axudas para a creación de novas Sofor que contan cun orzamento de 850.000 euros.

Durante a súa visita, a conselleira puido comprobar o bo estado no que se atopan os montes xestionados por esta Sofor, unha das primeiras en constituírse, no ano 2015 precisamente grazas a estas subvencións, e destacou as vantaxes deste tipo de unións forestais. Entre estes beneficios está o de exención de impostos de compravenda e permuta, ademais dunha dedución no imposto ao patrimonio. A nivel económico e produtivo, estas sociedades permiten mellorar de forma significativa a viabilidade dos aproveitamentos forestais, en parte grazas á optimización dos custos de produción e mantemento tales como plantacións, rozas, etc.

Ademais, Ángeles Vázquez aproveitou tamén para saudar aos propietarios dos terreos e agradeceulles que fosen dos primeiros en confiar neste tipo de organización para o aproveitamento dos seus predios. “Sodes un exemplo de boa xestión e esperamos que noutras zonas de Galicia tomen nota dos beneficios que implican”, declarou a titular de Medio Rural.

Neste sentido, avanzou tamén que se detectou un maior interese por levar a cabo este tipo de sociedades en lugares como Carnota, Dumbría, Laxe, Vedra, Cervantes, O Saviñao, A Veiga, O Irixo e Bueu. De feito, a conselleira aproveitou para manter un encontro con representantes de colectivos de toda Galicia interesados en constituírse como Sofor. Nesta reunión o propio director xeral de Ordenación Forestal e técnicos do seu departamento aclararon dúbidas e explicaron as posibilidades destas axudas.

Modificación das basesE precisamente para facela máis atractiva, este ano modificáronse as bases da convocatoria de axudas. Entre os cambios máis destacados está, por exemplo, o baremo de puntuación. Agora o maior número de puntos conseguirase a través do número de socios que pretenden constituír a Sofor. Tamén se terá en conta na valoración a superficie media das parcelas (canto máis pequenas, máis puntos) a proporción de superficie concentrada (máis puntos a maior proporción) e dáse prioridade ás Zonas de Alto Risco de incendios ou áreas pouco poboadas.

A través desta orde os propietarios de montes poden, unha vez constituídos como asociación, solicitar achegas para poñer en marcha novas sociedades ou apoiar o inicio da actividade daquelas xa inscritas. En concreto, pódense financiar os custos de identificación das leiras e clasificación dos terreos situados dentro da superficie de actuación, os de impulso á Sofor que se pretende constituír, tales como os gastos derivados da localización dos propietarios, comprobación das súas propiedades e os labores de información necesarias para lograr que cedan as súas leiras á sociedade; e por último os custos de constitución da Sofor, é dicir, de redacción de estatutos, de elaboración da escritura de constitución da sociedade, de notaría e de inscrición no Rexistro mercantil.

Once sociedadesActualmente en Galicia existen once Sofor inscritas de xeito definitivo ou previo: Outeiro-Parada e Parada, en Silleda; Somos Cuns, en Serra de Outes-Negreira; Santa Juliana, na Fonsagrada; O Irixo; Lebozán, en Lalín; Cirio, no concello de Pol; Monte de Candedo, en Meira; Vilar de Frades e Oselle, en Becerreá; e por último esta de Requián, na Estrada.

Esta Sofor de Requián xestiona 145 hectáreas de terreo e 460 parcelas de 32 propietarios. Cada ano foron mellorando o seu ritmo de actuación ata que no último exercicio levaron a cabo accións de mantemento e mellora dos seus montes nunha superficie dunhas 95 hectáreas de terreo.


- Te recomendamos -