A día de hoxe, o 90% dos concellos galegos teñen asinada algunha das tres liñas que conforman o convenio de prevención, mentres que 29 municipios decidiron non optar a esta colaboración
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata o concello de Santa Comba para supervisar as obras realizadas no marco do convenio de prevención de incendios forestais subscrito con este concello coruñés. Alí destacou a importancia que ten a limpeza das faixas secundarias de xestión e respectar as distancias de plantación, pois “é responsabilidade de todos, dende as administracións aos propios particulares, colaborar na loita contra os incendios forestais”.
Precisamente o municipio de Santa Comba é exemplo desta colaboración, xa que ten asinado as tres liñas do convenio que permite reforzar a prevención e extinción de incendios. Por unha banda, mediante a actuación de vehículos motobomba de propiedade municipal, ao subvencionar a contratación do condutor. Por outra, mediante a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado en vías de titularidade municipal e, por último, a través da contratación de brigadas para o desenvolvemento de labores de vixilancia, prevención e extinción de incendios forestais.
A conselleira sinalou que, a día de hoxe, son 68 os concellos de Galicia que teñen asinada as tres liñas do acordo fronte aos 29 que decidiron non adherirse ao convenio. Neste senso, Ángeles Vázquez matizou que é necesario que todas as administracións sexan conscientes da importancia de traballar conxuntamente na defensa do noso patrimonio natural e da nosa poboación, polo que lanzou un novo chamamento aos gobernos locais para que se animen a subscribir este convenio ou ao que se acaba de asinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a xestión de biomasa nas faixas secundarias. “Todo suma na loita contra os lumes”, subliñou a titular de Medio Rural.
Durante a súa visita a Santa Comba, a conselleira aproveitou para comprobar os labores de desbroces levados a cabo pola brigada e polo tractor nos camiños de titularidade municipal. Ángeles Vázquez, que estivo acompaña pola alcaldesa, María Pose, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.
Colaboración municipalPara este ano 2018, a consellería desembolsou un total de 11,8 millóns de euros para dar cobertura a este convenio, pois o 90% dos concellos de Galicia teñen subscrita algunha das súas liñas. Así, na comunidade están despregadas 290 brigadas municipais a través do convenio con 205 concellos. En total, son 1.800 persoas entre brigadistas e condutores de motobomba. Doutra banda, a través da liña de rozas, na cal están subscritos 231 concellos, está previsto limpar unhas 18.000 hectáreas. Por último, na liña de condutores de motobomba, son 95 os concellos asinantes para poñer en funcionamento un total de 108 vehículos que a consellería achegou aos diferentes municipios.
- Te recomendamos -