Mediante esta actividade preténdese concienciar aos cativos sobre a importancia de facer un uso responsable do servizo de emerxencias
Un grupo de cativos de cinco anos do Colexio Sagrado Corazón Placeres de Lourizán (Pontevedra) visitaron onte as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia co fin de coñecer o funcionamento do servizo de atención e tratamento das emerxencias.
Así, dunha forma lúdico-didáctica, os rapaces recibiron algunhas indicacións para saber como actuar no caso de atoparse nunha situación de risco.
Con esta actividade preténdese concienciar aos máis novos sobre a importancia de facer un uso responsable do servizo, xa que as persoas usuarias son a primeira peza da cadea de atención telefónica das emerxencias.
Ademais, os 50 participantes e as súas mestras tiveron a oportunidade de coñecer os recursos cos que conta a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).
A visita ao 112 e ao hangar da AXEGA permitiu aos cativos achegarse ao traballo formativo que desenvolven nas aulas. Os visitantes puideron ser testemuñas da aprendizaxe de luces e sons dos vehículos que son prioritarios á hora de calquera intervención nas estradas en situación de risco. Igualmente, foron coñecedores das vantaxes e recibiron indicacións sobre o uso responsable de Unidade Operativa de Drons, para situacións de emerxencia e seguridade.
- Te recomendamos -