O conselleiro apostou polo compromiso político e a visión de futuro a longo prazo para que os mecanismos de innovación teñan garantido o seu éxito
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, participou hoxe en Sevilla nunha xornada sobre sostibilidade do Sistema Público de Saúde, organizada pola Real Academia de Medicina e Cirurxía de Sevilla (Ramse) e a Consellería de Sanidade do Goberno andaluz. Durante a súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo Galego, abordou o uso racional do medicamento e a compra innovadora do Servizo Galego de Saúde.
O conselleiro iniciou a súa intervención facendo unha radiografía da realidade demográfica da nosa comunidade autónoma. Neste senso, subliñou que Galicia, con 2,74 millóns de habitantes, ten unha porcentaxe de poboación maior de 65 anos superior ao 24%, e destes 112.000 persoas teñen 85 ou máis anos.
Para facer fronte a esta realidade sociosanitaria, Almuiña apuntou algúns dos novos modelos de financiamento como posible solución de cara a lograr a sostibilidade do sistema sanitario público. Entre estes sinalou a necesidade de establecer criterios e unha monitorización de resultados, entre outros.
Compra Pública IntegradoraOutro dos temas nos que se centrou a intervención do titular da carteira sanitaria galega foi a Compra Pública Integradora (CPI). Neste senso, Almuiña indicou que esta é primordial para mellorar a calidade e a eficiencia nos servizos públicos. Para que os mecanismos de innovación teñan éxito, o conselleiro considera claves o compromiso político, o liderado institucional e unha visión a longo prazo; un capital humano capacitado para o seu desenvolvemento e que existan mecanismos para identificar as necesidades, oportunidades e coñecementos.
Entre os proxectos máis destacados do proceso de CPI atópanse Innova Saúde e Hospital 2050, dous proxectos que contaron cun orzamento en Galicia de 90 millóns de euros, o que supón un 39% do orzamento nacional da Compra Pública Integradora. O seu obxectivo é a implantación de sistemas de formación intelixentes para soportar novos modelos de prestación de servizos sanitarios e sociosanitarios en modalidades presenciais e non presenciais.
Cronicidade asociada ao envellecementoSegundo expuxo o conselleiro, a política de innovación de Galicia para o período 2014-2020 está definida na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3 Galicia), onde se recolle o impulso á CPI dentro do programa Galicia Transfire. Nesta estratexia proponse como prioridade posicionar a Galicia para o ano 2020 como rexión líder na aplicación de novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal.
Neste ámbito enmárcase o proxecto Código 100, dirixido ao envellecemento poboacional e que utiliza a innovación como ferramenta para aumentar a rapidez e a eficiencia na asistencia prestada aos pacientes.
Outros dos proxectos aos que fixo referencia na súa intervención o conselleiro é a É-saúde; unha ferramenta electrónica que supón, segundo aseverou, un punto de encontro na área virtual entre a cidadanía galega e o Servizo Galego de Saúde. É-saúde ten na actualidade máis de 48.000 usuarios e máis de 10.000 accesos semanais á historia clínica electrónica.
O conselleiro tamén falou doutra das plataformas postas en marcha polo seu departamento e que se levou a cabo a través dun contrato de compra pública innovadora, o Telea.
Finalmente, Almuiña citou entre os beneficios da CPI o gran impacto social dos proxectos, o desenvolvemento de produtos e servizos que non existen no mercado, a potenciación de Pymes locais e emprego, o desenvolvemento colaborativo de I+D+i entre empresas e administración pública, a transparencia e a visión global e integradora ca Unión Europa.
- Te recomendamos -