Inicio Galicia Almuiña destaca a implantación de medidas que melloran o benestar dos pacientes,...

Almuiña destaca a implantación de medidas que melloran o benestar dos pacientes, familiares e profesionais

0

Sanidade aposta pola colaboración cos pacientes, as súas familias e as asociacións, “porque son axentes principais e grandes aliados na xestión da saúde, a enfermidade e os coidados, -dixo o conselleiro-

“As Unidades de Coidados Intensivos están a cambiar grazas a medidas que melloran o benestar dos pacientes, familiares e profesionais, como é a existencia de infraestruturas e espazos humanizados e a flexibilización dos horarios de visita”. Así o remarcou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración das IV Xornadas Nacionais sobre humanización da sanidade, que organiza o Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Sanidade aposta, -remarcou Almuiña-, pola colaboración cos pacientes, as súas familias e as asociacións, “porque son axentes principais e grandes aliados na xestión da saúde, a enfermidade e os coidados”. O seu labor é merecedora do recoñecemento da Administración, xa que, co seu traballo, “contribúen a mellorar a atención que reciben as persoas máis vulnerables e ao funcionamento do sistema sanitario”.

Segundo o conselleiro, o seu departamento dispón de ferramentas como é a Escola Galega de Saúde para Cidadáns ou a Plataforma É-Saúde, que son dous instrumentos que están a cambiar a forma de relacionarse a Administración cos pacientes, e que, sen dúbida, “contribúen ao avance na formación e posta a disposición de instrumentos útiles para os pacientes e cidadanía, cara ao coidado da súa saúde e ao uso dos servizos sanitarios”. Almuiña remarcou que Sanidade conta, tamén, co Consello Asesor de Pacientes, no que están representadas máis de 80 asociacións.

Comunicación entre o paciente e o sistema sanitarioTal e como subliñou o titular da carteira sanitaria, “a comunicación xoga un papel fundamental nos procesos de saúde e enfermidade dunha persoa, e cada día faise máis necesario que calquera profesional sanitario posúa habilidades para comunicarse, posto que unha boa comunicación permite coñecer as necesidades do paciente e as súas preocupacións, así como o nivel de comprensión do seu proceso”.

Pacientes máis autónomos, profesionais da medicina con maior capacidade de comunicación e programas que permitan aumentar as canles de comunicación entre os pacientes e o sistema sanitario, en definitiva unha sanidade máis humanizada, “son obxectivos que todos perseguimos e que estou seguro que entre todos acadaremos”, -concluíu Almuiña-.


- Te recomendamos -