Residentes, estudantes e persoas que traballen na capital de Galicia poden elixir ata o 12 de xullo entre obras de Manuel Rivas, Juan Gómez-Jurado, Clara Usón, Jonathan Coe e John Banville
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na rolda de prensa celebrada no Casino de Santiago para presentar o período de votacións do XIII premio Novela Europea Casino de Santiago, que estará aberto para a cidadanía compostelá desde hoxe ata o vindeiro 12 de xullo.
O secretario xeral, membro do xurado, valorou “a orixinalidade dun premio que implica a toda a cidadanía na lectura e que lles fai xustiza aos autores galegos ao poñelos en paralelo cos máis relevantes da Unión Europea”.
A canda Valentín García interviñeron na rolda de prensa Ubaldo Rueda e Maribel Martín, presidente e secretaria, respectivamente, do Casino compostelán.
Participación cidadá e europeísmoO premio pretende promover a lectura e o espírito europeísta, convertendo toda a cidade de Santiago en xurado que recoñece escritores de países da Unión Europea (UE). Para conseguilo, a comisión de selección está formada por tres seccións: a sección A, que será a que vote entre o 6 e o 12 de xullo, ten un peso do 30% na decisión final e intégrana todos os residentes, estudantes e persoas que desenvolvan a súa actividade profesional na capital de Galicia; a sección B, cun peso do 20%, inclúe todos os socios do Casino e a sección C, cun peso do 50% está formada por representantes de distintos estamentos da cidade. A esta última pertence o Secretario Xeral de Política Lingüística.
Entre todos deben elixir unha das cinco novelas de países da UE que previamente foron seleccionadas por unha comisión de expertos: ‘O último día de Terranova’, de Manuel Rivas; ‘Cicatriz’, de Juan Gómez-Jurado; ‘Valor’, de Clara Usón; ‘Expo 58’, de Jonathan Coe, e ‘La guitarra azul’, de John Banville.
As persoas interesadas poden depositar o seu voto ata o 12 de xullo no Casino de Santiago e na libraría do Centro Comercial Compostela (El Corte Inglés), situada na planta baixa.
- Te recomendamos -