A convocatoria de estadías de investigación, que xa vai pola súa 6 edición, amplíase este ano para incluír tamén aos centros tecnolóxicos
O próximo luns, 29 de outubro, abrirase o período de candidaturas para o programa Iacobus-Estadías de investigación, impulsado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. O prazo estará aberto ata o próximo 22 de novembro.
O Iacobus, que xa vai pola súa 6º edición, é un programa de gran éxito no mundo universitario da Eurorrexión. Suma máis de 1.200 demandantes nas edicións anteriores, entre os que foron seleccionados 639 proxectos de investigación en todas as áreas de coñecemento.
Este ano amplíase incorporando aos Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión, co obxectivo de fomentar a cooperación e promover o desenvolvemento conxunto de proxectos de investigación entre as institucións de ensino superior e estes centros, ao tempo que se amplía o campo de mobilidade para estas estadías de investigación.
En total, participan no programa 7 universidades, 4 institutos politécnicos e 22 centros tecnolóxicos a ambos lados da fronteira.
Outras das novidades este ano é que se convocará a primeira edición do Iacobus-Publicacións científicas (Papers). O prazo tamén se abrirá este luns e prolongarase ata o 7 de decembro. O obxectivo é fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica a través de axudas económicas para a publicación de artigos científicos e de investigación en revistas de prestixio. Os artigos teñen que ser realizados por autores pertencentes a institucións que participan no Iacobus.
- Te recomendamos -