O programa de músicas en espazos de interese cultural comeza o sábado 1 de setembro e o grupo Marés será o encargado de poñelo en marcha
Mañá sábado comeza o prazo de inscrición para participar na xornada inaugural do ciclo Espazos Sonoros, que se pon en marcha o 1 de setembro cunha visita guiada á illa de Sálvora, que forma parte do arquipélago das Illas Atlánticas, e a visita a unha casa de labranza reconstruída ao xeito do século XIX no lugar de Temperán, no Grove, na que se evocarán melodías, ritmos e tradicións musicais da península Ibérica co concerto de Marés.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse desde mañá sábado 18 e ata o 29 de agosto no enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org, xa que a capacidade máxima desta actividade é de 60 persoas.
O programa de músicas en espazos de interese cultural da Consellería de Cultura e Educación chega á súa undécima edición visitando un dos enclaves menos coñecidos do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, a illa de Sálvora. Un lugar deshabitado na actualidade, pero que conserva restos do antigo poboado, así como do faro, ademais de especies endémicas que só se poden visitar alí.
A segunda parte da xornada terá lugar no lugar de Temperán, no Grove. Alí visitarase unha antiga casa labrega do século XVIII restaurada como centro de interpretación para o coñecemento da cultura do rural galego. O patio da casa será o escenario para o concerto do grupo Marés. A programación da undécima edición pode consultarse en www.espazossonoros.org.
Difusión do patrimonio cultural galegoA Consellería vén promovendo toda unha serie de actividades que contribúen á difusión e á valoración social do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. A principios de agosto botou a andar Monumenta que, baixo a epígrafe Andar con arte, convida a camiñar para vivir e descubrir o patrimonio material e inmaterial galego ata o vindeiro 2 de setembro. Ademais, a Secretaría Xeral de Cultural continúa apoiando diferentes ciclos musicais que dinamizan os espazos históricos de distintas vilas, como son os ciclos de órgano de Celanova ou o de música relixiosa de Barcia de Mera. Estas actividades poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal.
- Te recomendamos -