Inicio Galicia A Xunta valora positivamente a rectificación por parte do concello de Santiago...

A Xunta valora positivamente a rectificación por parte do concello de Santiago do informe que impedía o avance da estación intermodal

0

O novo escrito de alegacións sobre o proxecto da pasarela intermodal remitido esta tarde polo Concello compostelán si fai posible a súa aprobación definitiva

A Xunta de Galicia valora positivamente a rectificación por parte do Concello de Santiago do informe co que estaba a impedir o avance nas obras da estación intermodal da cidade.

A Administración local emitiu na tarde de hoxe un novo escrito de alegacións sobre o proxecto da pasarela intermodal que, a diferencia das versións anteriores, si fai posible a aprobación definitiva do documento técnico elaborado por Adif.

A Xunta, o Concello de Santiago de Compostela e o Ministerio de Fomento, a través de Adif, asinaron recentemente un acordo para o cofinanciamento da pasarela da estación intermodal, un elemento fundamental para o proxecto, na medida en que conecta a estación de autobuses coa estación de ferrocarril e facilita o intercambio entre os modos de transporte.

Segundo o acordo pechado entre as tres administracións, Adif elaborou o proxecto desa pasarela, que será contratada e executada pola Xunta de Galicia.

O Goberno galego, Adif e o Concello de Santiago acordaran hai xa máis dun ano o deseño desa estrutura, co que resultaban inexplicables os reparos trasladados nos últimos días polo goberno local, ademais de ameazar con supor un retraso neste elemento fundamental da estación intermodal. Hai que ter en conta que o proxecto elaborado por Adif cumpre sobradamente toda a normativa técnica.

A pasarela peonil que se prevé construír entre a rúa do Hórreo e a avenida de Clara Campoamor, ademais de conectar as dúas estacións, servirá para unir dous barrios da cidade historicamente separados polas vías do tren.

O obxectivo da Xunta é licitar as obras da pasarela o antes posible, para poder acompasar a súa execución ás da estación de autobuses, que xa está en marcha.

Cun orzamento de 10,4 millóns de euros, consiste na execución dunha nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, e suporá o intercambio áxil entre as distintas formas de transporte público.


- Te recomendamos -