A iniciativa permite que nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados do Sahara gocen dun verán de ocio e lecer na nosa terra
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, asistiu hoxe á xornada de convivencia dos nenos e nenas saharauís que están a pasar o verán con familias galegas a través do programa Vacacións en Paz de Solidariedade Galega co pobo saharauí (Sogaps) en colaboración coa Xunta de Galicia.
O titular da carteira autonómica destacou a importancia da celebración desta xuntanza, así como o carácter solidario da sociedade galega e enxalzou o compromiso das familias que durante os meses de xullo e agosto acollen nas súas casas a menores que proceden dos campamentos de refuxiados do deserto alxeriano de Tinduf, onde nesa época do ano as temperaturas chegan a superar os 50 grados. Nesta liña, apuntou que “valores como a tolerancia, o respecto e a solidariedade están moi presentes nesta iniciativa”, que permite a uns 300 nenos e nenas desfrutar dun verán cheo de alternativas de ocio e de lecer.
Ademais, Rey Varela fixo fincapé no que os menores saharauís achegan ás súas familias de acollida posto que “motivan que reflexionemos sobre moitas cousas ás que damos máis importancia da que teñen en realidade, e ábrennos os ollos e a mente ao amosarnos outra perspectiva de ver e estar no mundo”, sinalou.
O titular de Política Social destacou a implicación dos concellos neste programa de ‘Vacacións en Paz’, así como o traballo que tamén realiza sobre o terreo Sogaps, co desenvolvemento de iniciativas de carácter cultural ou educativo nos propios campamentos de refuxiados.
Cómpre lembrar que, no cómputo xeral entre 2005 e 2017, Cooperación Galega destinou un importe total de 1,2 millóns de euros para financiar actividades dirixidas aos saharauís e que comprenderon axuda sanitaria, alimentaria ou proxectos de enerxía renovable entre outros.
No que respecta ao programa Vacacións en Paz, a Xunta –a través de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza e da Consellería de Política Social- inviste un total de 150.000 euros para axudar a sufragar os gastos do traslado dos nenos e nenas saharauís a Galicia. Ademais, a través deste programa a Consellería de Sanidade presta atención sanitaria aos participantes nesta acción.
Por outra banda, no marco do convenio para a programación conxunta en materia de acción humanitaria e emerxencias asinado entre AECID e as comunidades autónomas, mobilizáronse fondos para axuda alimentaria á poboación saharauí por un importe de 2,5 millóns de euros a través do Programa Mundial de Alimentos.
- Te recomendamos -