Inicio Galicia A Xunta traspasa unha vintena de parcelas do Banco de Terras a...

A Xunta traspasa unha vintena de parcelas do Banco de Terras a unha ducia de concellos

0

Trátase de terreos sen vocación agraria e que, polo tanto, non teñen cabida neste órgano que busca a mobilización espazos para a agricultura e gandaría


A Consellería do Medio Rural, no seu afán de mobilizar terras e poñelas producir, continúa co seu proceso de revisión do Banco de Terras para facer del un órgano máis operativo. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, formalizou hoxe o traspaso dunha vintena de predios que ata o de agora formaban parte deste órgano a unha ducia de concellos e á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

En concreto, os beneficiarios foron os municipios de Vedra (un predio), Santiago de Compostela (dous predios), Coirós (dous), Mesía (tres), Boqueixón (dous), Boimorto (un) e Trazo (un), na provincia da Coruña. En Lugo, os municipios de Riotorto e Lourenzá adquiren a titularidade dun predio cada un e Baleira, dous. E por último, Vila de Cruces (Pontevedra) recibe un terreo e Cualedro (Ourense) outros dous. Ao acto asistiron os responsables de todas as administracións locais, así como o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, e de Agacal, Manuel Rodríguez.

A diferencia dos traspasos executados nos últimos anos, este proceso levouse a cabo a través da lexislación antiga, o que prolongou uns tres anos o procedemento de traspaso. Porén, grazas á Lei de Mellora da Estrutura Agraria de Galicia (Metaga) do ano 2015, a Xunta puxo solución a esta situación xa que contemplou o recoñecemento da titularidade municipal dun xeito máis áxil e con menos carga burocrática que a tradicional cesión de terras para aqueles espazos que non podían poñerse a producir. Así, en menos dun ano Agader revisou unhas 2.500 parcelas e finalmente traspasou 2.194 leiras a 110 concellos a través da Metaga.

Así, desde hoxe súmanse esta vintena de predios que agora poderán ser utilizados polos veciños, ben directamente ou a través de servizos municipais. Moitos destes terreos xa teñen construcións como parques infantís, depuradoras e depósitos de auga, aparcadoiros, centros socioculturais e de interpretación, etc. xa que proceden de masas comúns de zonas de concentración parcelaria transferidas no seu momento ao Banco de Terras.

InvestigaciónMención destacada merece o predio destinado ao Agacal, que recibirá un terreo de arredor dunha hectárea procedente da concentración parcelaria de Zos, no concello de Trasmiras. Alí desenvolverá unha investigación sobre exemplares de carballos seleccionados co obxectivo de contribuír ao banco de xermoplasma e ao reservorio xenético.

Deste xeito, a consellería remata o proceso de revisión do catálogo do Banco de Terras para intensificar e optimizar os recursos dispoñibles e así, centrarse no arrendamento de terras válidas para usos agrícolas, gandeiros e forestais e na posta en valor de grandes áreas. 


- Te recomendamos -