O delegado territorial reuniuse, esta tarde, con representantes municipais de Ames e da Plataforma e trasladoulle a vontade da Xunta de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar Ministerio de Fomento e Concello
O delegado territorial da Xunta na Coruña reuniuse, esta tarde, co alcalde de Ames, José Miñones, con representantes dos grupos municipais do Concello e cun representante da Plataforma N-550 para escoitar as súas demandas.
Neste senso, Ovidio Rodeiro trasladoulles a vontade da Xunta de Galicia de colaborar en todas as medidas que decidan adoptar Concello e Ministerio de Fomento para aliviar o tráfico de 30.000 coches diarios que atravesan a súa avda principal, Rosalía de Castro.
Ademais, Ovidio Rodeiro recalcou que a Conselleira de Infraestrutura e Vivenda, Ethel Vázquez, xa lle trasladou ao Ministerio de Fomento, o pasado mes de maio, a súa disposición para facerse cargo do desvío do tráfico pesado cara a Autovía Santiago-Brión e que tamén estaría disposta a Xunta a asumir o incremento do custo polo pago da peaxe en sombra, que só en tráfico pesado suporía uns 3.000 camións diarios.
O delegado territorial insistiu en que dende a Xunta de Galicia estamos dispostos a asumir a repercusión que sobre a rede autonómica de estradas teñan as decisións que se adopten dende o Ministerio de Fomento e Concello.
Así mesmo, comprometeuse a darlle traslado da proposta municipal e veciñal ao Ministerio de Fomento a través do departamento que dirixe, Ethel Vázquez. “A nosa posición foi ben clara dende o primeiro momento, colaborar en todo aquilo que dependa do goberno autonómico pero sendo conscientes tamén que, neste caso concreto, a Xunta de Galicia non ten competencias en materia de estradas para intervir na N-550 no seu paso por Milladoiro. É unha competencia exclusiva do Ministerio de Fomento”, apuntou o representante da administración autonómica.
Ovidio Rodeiro insistiu en que “o compromiso da Xunta de Galicia con este problema é total e estamos dispostos a trasladar as demandas do Concello e da Plataforma ao Ministerio de Fomento”. Nesta liña apuntou que “entre peticións analizadas no encontro destacaron a restrición do tráfico pesado na Avda Rosalía de Castro, a construción dunha glorieta a dous niveis na entrada de Milladoiro desde Santiago e a construción da Variante de Milladoiro”.
- Te recomendamos -