A titular de Mar é partidaria de apostar por este novo modelo de negocio do sector pesqueiro para xerar ingresos e emprego
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe o seu compromiso coas iniciativas de turismo mariñeiro para acadar a diversificación económica das zonas locais costeiras. Durante a clausura do proxecto Mar das Illas, promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, comprometeuse a analizar e ver as necesidades do sector para dar seguridade xurídica a este tipo de actividades. A súa regulación, dixo, debe ser “un aliciente e un alento, non un freo ou un obstáculo”.
A titular de Mar destacou que o turismo mariñeiro é un novo modelo de negocio do sector que atende a sustentabilidade, o coidado do medio ambiente e a valorización da cultura e tradición galegas. Por iso, mostrouse partidaria de apostar por el. “Tiñamos o reto de crear novas fontes de ingresos e novas oportunidades de traballo para evitar a desaparición das pequenas comunidades locais dependentes da pesca, e proxectos como Mar das Illas demostran que o logramos”, indicou.
Sobre esta iniciativa do GALP Ría de Pontevedra, Rosa Quintana salientou que contou cunha enorme capacidade de xerar novas vías de ingresos, emprego estable e complementario á actividade extractiva ao tempo que permitiu revalorizar os recursos pesqueiros e o coñecemento do traballo no mar. “É un proxecto que permitiu mellorar a calidade de vida dos mariñeiros e das súas familias nas Rías Baixas”, aseverou a conselleira do Mar.
O programa de turismo mariñeiro Mar das Illas tivo unha duración de seis meses e entre os seus obxectivos estiveron a diversificación da pesca comercial, o apoio á aprendizaxe permanente, a creación de emprego e a mellora do benestar social dos concellos costeiros da súa zona de influencia, os da contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O proxecto tamén impulsou o aproveitamento do patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, así como a súa protección e posta en valor.
A Xunta leva aprobados xa máis de 300 proxectos no marco dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, aos que destinou máis de 19 millóns de euros e que permitiron xerar máis de 200 empregos a tempo completo. Unha liña que a conselleira do Mar defendeu polos seus resultados e a súa capacidade de fomentar o emprendemento entre os colectivos mariñeiros locais como alternativa profesional.
- Te recomendamos -