O plan está en marcha dende o 1 de novembro ata o 30 de abril en todas as estradas da rede autonómica da provincia
A Xunta ten activado dende o pasado 1 de novembro o Plan de Vialidade Invernal 2018- 2019 para a provincia de Lugo, que permanecerá activo ata o vindeiro 30 de abril.
A Administración autonómica dispón de 4 plantas de fabricación de salmoira e conta con reservas de sal, en 11 silos e 4 acopios, que suman 1.740 toneladas. Neste dispositivo traballan un total de 82 profesionais e dispón de 18 vehículos tractores (camións) nos que se montan as máquinas de empuxe (cuñas ou follas) para retirar a neve acumulada na calzada e os esparexadores de fundentes (sal ou salmoira). En concreto, as máquinas de empuxe dispoñibles son 10 cuñas e 8 follas quitaneves. En canto os esparexadores de fundentes, 14 son esparexedores de sal e 4 son extendedoras de salmoira.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer hoxe estes datos no transcurso da visita ao centro operativo do Incio, un dos dous da provincia dende os que se coordinan estes medios. Un deles está na zona norte, en Xermade (no enlace de Cabreiros da AG-64), e outro na zona sur, no Incio (no enlace do CG-2.2). Cada unha destas localizacións dispoñen á súa vez de varios subcentros para que en caso de ser necesario o tempo de resposta ante as incidencias sexa o menor posible.
- Te recomendamos -