Inicio Galicia A Xunta supervisa o inicio das obras da rehabilitación enerxética integral do...

A Xunta supervisa o inicio das obras da rehabilitación enerxética integral do CEIP Pena de Francia, no concello de Mos

0

O contrato foi adxudicado o pasado mes de xuño por 347.246 euros e cun prazo de dous meses e medio para a execución dos traballos no exterior e interior do centro


O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado do xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, desprazáronse hoxe ata o concello de Mos para supervisar o inicio dos traballos que se están a executar no CEIP Pena de Francia. Unha actuación que suporá a rehabilitación integral (enerxética e funcional) deste centro, na procura dunha maior confortabilidade para os usuarios e dun aforro nos custes de mantemento.

O contrato foi adxudicado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a Covisan Norte S.

L. o pasado mes de xuño por un importante de 347.246 euros, cofinanciados con fondos Feder, e cun prazo de execución de dous meses e medio. “Tempo máis que suficiente -salientou López-Chaves- para que os traballos estean practicamente finalizados coincidindo co inicio do curso escolar en setembro”. “O obxectivo é que estas obras, tan necesarias, non interfiran ou o fagan o menos posible na actividade docente”, dixo.

En canto ao detalle da intervención, segundo explicou, afectará ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometerase o illamento da fachada exterior, a substitución de ventás das aulas e da fachada exterior da biblioteca por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual en torno ao 23,5 por cento. Así mesmo, tamén se substituirán os falsos teitos existentes por paneis con propiedades acústicas, e se procederá á reparación e pintado de paramentos interiores.

Deste xeito, o departamento que dirixe Román Rodríguez continúa coa aposta firme pola mellora das infraestruturas escolares co fin de ofrecer unha maior confortabilidade aos seus usuarios á vez que acadar un aforro nos custes de mantemento dos edificios; unha acción que se enmarca no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas posto en marcha en 2016 e que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de euros ata 2020.

Balance 2016-2018Desde que se puxo en marcha esta acción, en 2016, a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares (9 deles estanse acometendo agora) ao longo de tres anos. As obras xa iniciadas o a piques de comezar neste 2018 absorben un orzamento de 4,5 millóns de euros.

De cara ao 2019, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de informar da rehabilitación enerxética e integral completa en oito centros escolares de Galicia -a razón de dous por provincia-, unha actuación que suporá un investimento total de arredor de catro millóns de euros.

Ademais, desde o ano pasado, a Consellería colabora co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) na selección de arquitectos novos para participar nestes proxectos, co que se busca tamén fomentar a empregabilidade deste sector da poboación.

Aposta polo medio ambienteCon estas actuacións a carteira de Román Rodríguez dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas.

Co investimento en actuacións de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros búscase un aforro enerxético -e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. De feito, as actuacións realizadas entre 2016 e 2018 supoñen un aforro en termos enerxéticos de 6,5 millóns de kw/hora anuais. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente. 


- Te recomendamos -