O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, visitaron os traballos xunto a representantes da empresa adxudicataria
Pontevedra, 19 de maio de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, xunto ao delegado territorial en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta semana as obras de reforma do edificio de Benito Corbal e coñeceron de primeira man a marcha dos traballos.
Os representantes da adxudicataria, a UTE Acciona-Ramírez, confirmaron que se estaba cumprindo o calendario previsto e que as obras estarían rematadas no primeiro trimestre de 2019. A reforma foi adxudicada por algo máis de catro millóns de euros. Xunto ao estudo previo, a redacción do proxecto, a auditoría enerxética e as direccións facultativas, o investimento global ascende a case 4,3 millóns de euros.
O obxectivo é contar no centro de Pontevedra cun espazo moderno, cómodo, accesible e versátil. Os case 6.000 metros do edificio albergarán no baixo e nas súas dúas primeiras plantas as oficinas de emprego, que ata agora estaban alugadas noutros locais, concentrando así este servizo e permitindo un importante aforro á Administración autonómica. Nas plantas terceira e cuarta, a Xunta poñerá a disposición de entidades e asociacións da cidade un espazo para ubicar as súas oficinas e locais. As catro plantas restantes están reservadas para a Universidade de Vigo.
Entre as principais novidades, a remodelación integral do inmoble incluirá a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Tamén se cambia a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento. Outra das grandes novidades da reforma ten que ver coas tres entradas dende a rúa, que se manterán e que agora pasarán a ser totalmente accesibles.
A remodelación incluirá distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación do inmoble. Aplicaranse métodos e tecnoloxías enerxéticas como caldeiras de biomasa para a calefacción, bombas de calor de tecnoloxía VRV para calefacción e refrixeración, instalación solar fotovoltaica para xeración de electricidade, así como elevados niveis de illamento térmico e sistemas de iluminación eficientes.
- Te recomendamos -