Inicio Galicia A Xunta supervisa as obras de mellora da accesibilidade na contorna do...

A Xunta supervisa as obras de mellora da accesibilidade na contorna do CEIP Quintela na PO-313 ao seu paso por Moaña

0

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e o xefe territorial José Luis Díez, achegáronse hoxe ata o municipio pontevedrés coincidindo co inicio dos traballos


A Consellería de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), iniciou hoxe as obras de mellora da accesibilidade na contorna do CEIP Quintela na PO-313, a estrada que une Marín con Moaña, ao seu paso por este último termo municipal. Estes traballos, que se executarán no prazo dun mes, contan cun orzamento por parte do Goberno galego de preto de 48.000 euros.

Así o informou hoxe o delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves, quen xunto ao xefe territorial da Consellería, José Luis Díez, achegouse ata o municipio pontevedrés para supervisar o arranque desta intervención, que responde a unha solicitude da dirección do centro escolar e do Concello moañés, dixo.

Segundo detallou o representante autonómico, as obras supoñen a execución de rebaixes nas beirarrúas, nos accesos e nas interseccións cos camiños públicos, así como nos pasos de peóns co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. Asemade, repararanse as devanditas beirarrúas, substituíndo as baldosas deterioradas, e repintaranse os pasos de peóns do tramo.

En canto a sinalización vertical, reforzarase o semáforo existente con outros dous de precaución asociados o principal no paso de peóns próximo ao centro educativo.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

A Consellería de Infraestruturas está a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias.


- Te recomendamos -